CULTURA

Curtocircuíto remata a súa décima edición coa entrega de premios

12/12/2013 Curtocircuíto, festival organizado polo Concello de Santiago, co-financiado pola Deputación da Coruña e coa colaboración de diversas entidades, remata este venres a súa décima edición coa entrega de premios ás 20:30 horas na Zona C. No acto de clausura, no que participarán o alcalde, Ángel Currás, e o deputado provincial Ramón Tojo Lens, pasarase a curtametraxe gañadora do programa internacional. Ademais, actuará o DJ Toni B. Willis para acompañar o viño galego que se servirá logo da proxección.

O certame reparte un total de 12.000 euros en galardóns, divididos en 8 categorías que premian distintos aspectos (dirección, guión, premio do público...) dos catro programas a competición (Internacional, Nacional, Explora e Galicia).

A entrada á clausura é de balde, previa retirada do convite na billeteira do Teatro Principal. Antes dela, pasaranse algunhas das curtas máis representativas dos dez anos de andaina do festival, nas sesións 10 anos de Curtocircuíto e Retrospectiva: Galicia en Curto. Novos realizadores galegos que están a renovar a nosa cinematografía, coma Peque Varela ou Marcos Nine, comparten espazo con obras internacionais multipremiadas coma Destination finale, de Philip Widmann, ou Next floor, de Denis Villeneuve.

Engádese a isto a actividade Cafés con CREA, para que o público poida coñecer de ti a ti os realizadores presentes no festival (no CGAC ás 16:30, tamén de libre acceso); e o seminario do crítico de Filmoteca Española Luis E. Parés sobre "o outro cine español" (de 12:00 a 14:00 horas no CGAC, entrada de balde, previa inscrición na web do certame).

Compartir: