FESTAS

Oito grupos tradicionais do folclore galego inundan cos seus sons e bailes a Praza da Quintana

15/07/2006 As Festas do Apóstolo arrincan cun cartel de luxo. Agardan 17 días cheos de actividades, grandes espectáculos e concertos pensados para o goce de toda a familia, os máis mozos e os turistas.

A fin de semana presenta unha oferta onde a música será a gran protagonista. O sábado 15, a partir das dez da noite, terá lugar na Praza da Quintana a primeira das Xornadas de Folclore Galego, que este ano cumpren a súa XXXVIII edición. Catro grupos tradicionais de folclore galego amosarán a súa arte a través do baile, a música e as pandeiretas. Os grupos que participarán son Andareda, de Vigo; Xirandola de Bandeira, de Silleda; Bilitroque, de Carballo; e Tangaraño, de Mos. Os grupos están compostos, como mínimo, por seis parellas mixtas e teñen idades comprendidas entre os 18 e os 25 anos.

Xa o domingo 16 o turno será para os grupos Colexiata do Sar, de Santiago de Compostela; Brincadeira, de Santiago; A Ponte Vella, de Cacheiras; e o grupo de baile O Fiadeiro, de Vigo. Estes grupos, cunha gran tradición no mundo do folclore galego, teñen arredor de 25 membros con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos. A cita será tamén na Quintana ás dez da noite.

Homenaxe a Xerardo J. Salgado

O Concello de Santiago homenaxeará, o domingo, no transcurso das XXXVIII Xornadas de Folclore Galego, a Xerardo J. Salgado, o seu creador e organizador durante máis dun decenio. O alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, entregaralle unha placa conmemorativa.

No ano 1969, no programa de Festas do Apóstolo, nacen as Xornadas de Folclore Galego, ás que se dedicaría Xerardo Salgado en corpo e alma ata principios dos anos 80. Dende o ano 1968 participa na organización do "Concurso de Gaitas do País", que se celebraría durante varios anos nas festas da Ascensión.

Ademais, a súa preocupación pola promoción dos grupos lévalo a recoller información de todo o que estaba a pasar na música e danza tradicional en Galicia naqueles tempos. Fai inventario dos grupos existentes e ponse en contacto con eles para animalos e invitalos a que participen nos festivais, dándolles o seu apoio e estímulo, cunha gran promoción para a nosa cultura.

"El burlador de Sevilla" na Quintana
O luns 17, as festas ofrecen de novo unha oferta chea de actividades para toda a familia. As cinco da tarde, na Alameda, continúa ‘Ferradura Aberta’, cunha morea de actividades para a rapazada. Xa ás dez da noite, o Grupo de Teatro da Universidade Carlos III representará a famosa obra teatral "El burlador de Sevilla"; será na Praza da Quintana e a entrada é gratuíta. A escenificación sobre o mito de Don Juan enmárcase no programa Las Rutas de La Barraca. Sociedad Estatal de Conmemoracións Culturais. E xa ás once da noite, nova sesión das Noites na Alameda.

Compartir: