DEPORTES

O Campus de Fútbol Vero Boquete celebra a súa terceira edición do 26 ao 28 de decembro

12/12/2013 O Campus de Fútbol Vero Boquete alcanza á terceira edición. A súa protagonista e o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentaron este campamento, que se celebrará do 26 ao 28 de decembro e cuxa inscrición estará aberta ata o 20 de decembro.

Un Nadal máis, este campamento acollerá a nenos e nenas que queiran desenvolver e perfeccionar os fundamentos técnicos e tácticos do fútbol nun marco de compañeirismo, compartindo esta afección con outros deportistas e profesionais do medio. A actividade está complementada por outras modalidades deportivas e unha xornada de lecer. Nesta ocasión e ante a demanda detectada, ampliouse o rango de idades, aceptándose participantes entre os 6 e os 18 anos.

O Campus celebrarase nas instalacións municipais de Santa Isabel, As Cancelas e Sergas, no C.X. Don Bosco e no Colexio La Salle. Durante os tres días, haberá dous adestramentos de hora e media cada un en xornada de mañá. Na última xornada haberá unha comida de convivencia e unha xornada de tempo libre.

O prezo de inscrición no Campus Vero Boquete é de 65 euros, cunha opción de aloxamento con pensión completa por 130 euros. En caso de participar dous irmáns, os prezos serían de 120 ou 220 euros, respectivamente.

Presentación do libro
As actividades en torno a Verónica Boquete seguirán o 27 de decembro, coa presentación e firma do seu libro Vero Boquete, a princesa do deporte rey, realizado por David Menayo. O acto celebrarase ás 19:00 horas no salón do ámbito cultural de El Corte Inglés.

Ademais, Adrián Varela anunciou a celebración na primeira semana de xaneiro dun torneo que tamén levará o nome da futbolista compostelá.

Direccións relacionadas



Compartir: