XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno asigna os postos de venda ambulante no Casco Histórico

12/12/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou as autorizacións de postos de venda ambulante no Casco Histórico. Ademais, informouse favorablemente á ampliación nunha hora da apertura dos establecementos hostaleiros durante o Nadal e prorrogouse o uso de dúas parcelas de Santa Marta como estacionamento de bordo.

Tal como explicou a voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, a aprobación do novo regulamento municipal de venda ambulante aconsellaba regularizar todas aquelas ocupacións de espazos públicos con postos de venda que se viñan mantendo en precario. Á vista dos informes de valoración, autorizouse a instalación de venda ambulante nos seguintes sitios:

- Venda ambulante de temporada: praza do Obradoiro, 5 postos; praza da Quintana, 4 postos; avenida de Xoán XXIII, 3 postos; e arco do Pazo, 1 posto. Todos estes serán desmontables, de 2 x 2 metros, e estarán dedicados á venda de artesanía e recordos de Santiago.

- Venda ambulante de temporada (xeados e castañas): Porta Faxeira, 2 postos; paseo dos Leóns, 1 posto; praza do Toural, 2 postos; e praza de Cervantes, 1 posto. Nestes casos, a venda realizarase en vehículos tenda.

Ampliación de horario
A Xunta de Goberno tamén informou favorablemente en relación á solicitude de ampliación de horario de apertura para os días de Nadal realizada pola Asociación Hostalería Compostela. A prolongación do peche unha hora máis afectará ás seguintes datas: 12, 13, 16, 17, 18, 19, 20, 23, 26, 27 e 30 de decembro, e 2 e 3 de xaneiro.

Recepción de obras
Outro dos asuntos abordados polo Goberno Local foi o inicio do procedemento para a recepción das obras de escavación arqueolóxica e restauración e estudio do xacemento da Rocha Forte. A piques de rematar tamén as obras de cerramento, a concelleira anunciou que se iniciarán as visitas guiadas á fortaleza no ano 2014.

Tamén se recibirán as obras de rehabilitación da edificación destinada a catalizador cultural no Parque de Belvís.

Estacionamento de Santa Marta
A proposta do concelleiro de Seguridade e Mobilidade e á vista do informe de TUSSA, aprobouse a prórroga para seguir ocupando dúas parcelas do SUP-6 de Santa Marta como estacionamento libre de bordo. A autorización anterior era de 29 de outubro de 2009, polo que para poder seguir facendo uso destas parcelas procedía aprobar a prórroga. Seguirá funcionando de 7:00 a 19:00 horas.

Cesión de piano
Seguindo en Santa Marta, neste caso no seu centro sociocultural, aprobouse a aceptación da cesión dun piano para o mesmo polo período dun ano prorrogable. Os custos derivados desta cesión correrán a cargo da Concellería de Centros Socioculturais, en concepto de transporte e afinación, traballos que se realizarán pola mesma empresa que os fai para o Auditorio de Galicia e o Teatro Principal dúas veces o ano. Os gastos de transporte serán ao 50% entre o Concello e os propietarios.

Adhesión cultural
Tamén se aprobou a adhesión do Concello de Santiago ao convenio de colaboración entre o Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música e a Federación Española de Municipios e Provincias para a posta en marcha do programa estatal de circulación de espectáculos das artes escénicas en espazos das entidades locais "Platea". Este programa permitirá traer varias actuacións teatrais ao Teatro Principal.

Documentos relacionados



Compartir: