CULTURA

O "outro cine español" e a colaboración con Play-Doc marcan a cuarta xornada de Curtocircuíto

11/12/2013 Curtocircuíto, festival organizado polo Concello de Santiago, co-financiado pola Deputación da Coruña e coa colaboración de diversas entidades, pasa este xoves en Santiago de Compostela un total de 29 curtas. O protagonismo recae no festival Play-Doc, que conta con dúas sesións, nas que se proxectan os traballos máis relevantes mostrados ao longo dunha década de existencia.

Play-Doc en Curto recolle traballos do polaco Bogdan Dziworski, caracterizado pola realización dun cinema poético que capta coma ningún outro o cotián; ou de Jay Rosenblatt, autor crave na vertente de filmes apropriacionistas, que traballan a remontaxe de material de arquivo para darlle un novo significado. Nesta liña poética, sitúase tamén a obra de Oliver Laxe, un dos mellores cineastas galegos do momento, que pasa no certame París#1, rexistros dunha comida campestre sen máis pretensión que, coma Dziworski, captar o cotián. Os dous cineastas fano coa súa particular marca estética, algo que non se pode imitar.

Completan as sesións de Play-Doc Arsy-Versy, un divertido retrato dunha nai que vive moi preocupada polo futuro do seu fillo, obsesionado con estudar morcegos; e O toque, de Marcel Lozinski, unha peza dun dos documentalistas máis interesantes do leste de Europa, na que retrata o sanador canadiense Clive Harris co seu particular método de "provocar á realidade". Estas dúas sesións pásanse no Teatro Principal, ás 18:00 e ás 23:30 horas, e son de balde, previa retirada da entrada na billeteira. Hai outras tres de sección oficial, que recollen un total de 22 curtas chegadas de todo o mundo, termómetro das tendencias actuais do cinema en formato pequeno. Todas estas sesións custan 2 euros. Os horarios están dispoñibles en www.curtocircuito.org.

En colaboración con Aula de Cine Márgenes, Curtocircuíto pon tamén en marcha Anatomía da influencia: A tradición relida do cine experimental español, un seminario que impartirá o crítico Luis E. Parés entre as 12:00 e as 14:00 horas, o xoves e o venres, no CGAC. A charla céntrase nese "outro cine español" que procura "novas formas de expresión, apostas arriscadas tanto no seu contido coma na súa linguaxe, un cine distinto e que o distribúen dunha forma distinta, en festivais especializados ou directamente en internet, sen pasar por salas comerciais", indica Parés. Este cinema, que está a cobrar gran visibilidade entre os cinéfilos, ten as súas raíces en certos títulos do cinema español experimental de xeracións anteriores. O crítico de Filmoteca Española repasará estas influencias, intentando trazar un percorrido histórico por este cinema radical. O acceso ao seminario é libre, previa inscrición na web do festival.

Compartir: