TURISMO

Entregados os premios de Santiago(é)Tapas

10/12/2013 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, participou na entrega de premios da VI edición do certame Santiago(é)Tapas, celebrado entre o 7 e o 24 de novembro e no que se serviron máis de 37.000 petiscos. Os seis galardóns foron repartidos nunha gala celebrada no Centro de Formación e Cultura Gastronómica de Hostelería Compostela.

O Premio da Tapa do Público foi para Susos, co seu petisco Mare Nostrum. O galardón conta con 500 euros e 100 en euros en produtos de Estrella Galicia. Ademais, Turismo de Santiago entregou ao Susos un premio especial consistente nun curso de inglés enfocado á hostalería nun país de fala inglesa valorado en 1.900 euros.

O Premio (é)xcelente recaeu en O Ferro, que recibe 400 euros e 100 en produtos de Estrella Galicia, por ser valorado polos clientes como a mellor experiencia global no concurso.

O Primeiro premio do xurado Santiago(é)Tapas foi para A Tafona pola tapa Mar e Montaña. Este galardón consta de 1.300 euros e 100 en produtos de Estrella Galicia. Ademais, Turismo de Santiago tamén entregou á Tafona un premio especial consistente nun curso de inglés valorado en 1.900 euros.

O Segundo premio foi para Calderón polo petisco Picnic. Levou 800 euros e 100 en produtos de Estrella Galicia.

O Terceiro premio gañouno El Bocalino pola Conserva de bonito en escabeche. Neste caso o agasallo foi de 500 euros e 100 en produtos de Estrella Galicia.

O Premio á mellor tapa con conserva recaeu no Manso, pola Tosta de xoubas "Pay-Pay Oro" e velo vexetal de "Finca Los Cuervos. Este galardón está valorado en 500 euros en produtos de Estrella Galicia.

Compartir: