CULTURA

O cine español e a charla sobre o non-guión marcan a terceira xornada de Curtocircuíto

10/12/2013 Curtocircuíto, festival organizado polo Concello de Santiago, co-financiado pola Deputación da Coruña e coa colaboración de diversas entidades, inicia este mércores en Santiago de Compostela a súa terceira xornada, inaugurando a actividade Cafés con CREA (Asociación de Directores e Realizadores de Galicia) ás 16:30 horas no CGAC.

Esta iniciativa pretende reunir no museo todos os días os realizadores convidados ao festival, para que o público poida coñecelos en persoa e comentar con eles os filmes. O acceso é libre e, entre os presentes, estarán os realizadores españois Chema García Ibarra e David Pantaleón, e a actriz Ana Rayo. Todos eles presentan filme pola tarde. O primeiro trae a Curtocircuíto Misterio, curta presentena Berlinale e premiada no festival Mecal Pro, entre outros. Historia minimalista en torno a unha desaparición, ten un espírito semellante ao de A lo oscuro más seguro, filme de Pantaleón no que traballa con persoas con deficiencias intelectuais, ao redor dunha historia tan moral como lixeira e lúdica sobre o mundo da caza. Son as dúas películas con moitas capas, nas que se agochan metáforas non obvias a simple vista.

A comedia tinguida con cores de ciencia-ficción é o materia de Helsinki (Juan Beiro). Unha das súas dúas intérpretes, Ana Rayo, explicará as claves desta cinta, na que unhas camareiras agardan a un home do futuro nun bar moi especial. Completan a sección de curtas españolas, que se poderá ver ás 22:00 horas no Teatro Principal, as multi-premiadas Luisa no está en casa (Celia Rico Clavellino) e A Story for the Modlins (Sergio Oksman). Tamén se pasan as curtas galegas a competición e algúns dos máis salientables traballos internacionais desta tempada. Todas estas sesións custan 2 euros, mentres que as dúas dedicadas ao décimo aniversario son de balde. Os horarios están dispoñibles en www.curtocircuito.org.

Adicionalmente, a mañá (de 12:00 a 14:00 horas) acollerá no CGAC a charla-coloquio do director Eloy Enciso sobre o non-guión. O realizador de Arraianos explicará as claves da súa popular longametraxe, na que o guión revela unha escritura fílmica no cruzamento da ficción, o documental e o cinema de vangarda.

Compartir: