ALCALDÍA

O novo enlace entre Sar e Pontepedriña abrirase o venres 21 de xullo

14/07/2006 O vieiro Sar-Pontepedriña abrirase o vindeiro venres 21 de xullo, segundo anunciou o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo. Ao acto asistirá o secretario de Estado de Infraestruturas e Planificación, Víctor Morlán Gracia. Este novo enlace permitirá aliviar a circulación nunha das principais áreas de entrada á cidade.

Este enlace, dun pouco menos dun quilómetro de lonxitude, suporá unha alernativa á conxestionada rotonda de Galuresa. Os condutores que queiran ir ao norte da cidade dende o vieiro da Estrada, xa non terán que pasar por Ramón Ruibal e pola rotonda. Enlazarán directamente coa glorieta de Sar.

Inicialmente abrirase con dous carrís, malia que se prevé que teña finalmente catro, tal como se contempla no proxecto modificado desta vía. Esta estrada quedará conectada posteriormente coa futura estación intermodal do AVE.

PXOM

O alcalde fixo este anuncio no transcurso dunha rolda de prensa na que avaliou outros aspectos da actualidade municipal, como o estado da revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Sánchez Bugallo reafirmou o seu desexo de que se chegue a un acordo sobre o mesmo antes das vacacións de verán. Neste sentido, referiuse aos prexuízos que suporía para a cidade que se retrasase a aprobación, á vista das esixencias dunha nova norma comunitaria aprobada o 29 de abril, que inclúe novas esixencias de impacto ambiental. "A lei contempla supostos de excepcionalidade na aplicación, como sería o noso caso, cun Plan xa practicamente rematado, pero esa excepcionalidade sería difícil de manter se retrasase a aprobación". De ter que aterse a esta nova norma, a tramitación debería volver ao comezo, coa conseguinte perda de tempo.

Respecto a unha das actuacións máis importantes previstas para a cidade e que estará recollida no PXOM, a estación do AVE, o alcalde anunciou que nos vindeiros días se agarda chegar a un acordo co Ministerio de Fomento e a Consellería de Política Territorial para encaixar esta operación.

Ademais deste proxecto, referiuse a outros de gran impacto que tamén se están a preparar, como o soterramento das liñas de alta tensión de San Caetano, cunha intervención que incluirá unha maior dotación de potencia para poder atender os novos polígonos da zona norte. Igualmente salientable será a actuación na finca do Sanatorio de Conxo, co obxectivo de ampliar o seus usos sanitarios a outros educativos e de investigación.

Felicitacións

Na súa intervención ante os medios de comunicación, Sánchez Bugallo aproveitou para felicitarse polo recoñecemento simbólico e orzamentario da capitalidade de Santiago. "Os 2,5 millóns de euros asignados para 2006 e os 3 millóns para 2007 polo Consello da Capitalidade son o reflexo dese recoñecemento", indicou. Igualmente, salientou o "excelente estado das relacións entre o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia."

Noutra orde de cousas, o alcalde felicitouse polo recente informe de El País sobre as mellores webs municipais de España, no que a de Santiago aparece no oitavo lugar: "Énchenos de satisfacción e é un acicate para seguir mellorando e manténdonos entre esas 10 mellores páxinas".

Finalmente, referiuse ás Festas do Apóstolo e animou aos cidadáns a "facer un esforzo para dar unha boa imaxe da cidade e para ser hospitalarios coas miles persoas de fóra que estarán en Santiago durante estes días". Sánchez Bugallo resaltou o "excelente programa" e convidou aos composteláns a gozar dos seus eventos.

Compartir: