ALCALDÍA

O alcalde salienta a "visibilidade mundial" que supuxo para o Camiño a súa declaración como Patrimonio da Humanidade

10/12/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu no Monte do Gozo ao acto de conmemoración do XX aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade. Na cerimonia, presidida polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e que contou coa presenza dos rexedores dos municipios polos que transcorre a ruta xacobea, descubriuse unha placa conmemorativa.

Para Ángel Currás, a declaración do Camiño como Patrimonio da Humanidade en 1993 supuxo "o recoñecemento do interese do Camiño máis alá das fronteiras de Europa", outorgándolle unha "visibilidade mundial". Así, dixo, "o Camiño non é unicamente recoñecible para os europeos familiarizados con el dende hai máis de dez séculos; o Camiño ofrece un valor universal nun mundo multicultural".

Esa distinción, engadiu, "recoñece o Camiño pola súa capacidade para multiplicar os efectos dunha idea", a de que "peregrinar a Santiago no só fai xurdir expresións culturais en Compostela senón que as fai xurdir ao longo de todo un traxecto". Neste punto, apelou á "xenerosidade xeográfica do fenómeno xacobeo", lembrando todos os concellos que percorre a ruta, xa que "o Camiño é unha pasarela dende a que o viaxeiro tamén contempla, na súa viaxe, os territorios que o bordean para sentir a inclinación de deterse neles".

Volvendo aos efectos da declaración como Patrimonio da Humanidade, insistiu en que "fixo aínda máis visible para o mundo un Camiño de fe que deixa espazo para a cultura secularizada e para o desenvolvemento económico". Apuntou que a ruta xacobea "constitúe unha marca dun valor incalculable", polo que concluíu: "Coidemos a marca, coidemos o Camiño".

Pola súa parte, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que o Príncipe Felipe aceptou o convite para ser o primeiro Embaixador vitalicio do Camiño de Santiago e contribuír así á propagación dos valores da ruta xacobea polo mundo. Segundo indicou, este recoñecemento pretende ser un "agradecemento sincero" á súa axuda, pero tamén unha "proposta de compromiso" para seguir defendendo e divulgando os valores humanos, sociais, culturais, espirituais que percorren o Camiño de Santiago.

Logo deste acto, a comitiva desprazouse ata o Pazo de Raxoi, onde se leu un manifesto institucional con motivo da efeméride. Xa pola tarde estaba previsto que se celebrase na Cidade da Cultura unha mesa redonda sobre o XX aniversario e a formación de Europa.

Compartir: