TURISMO

Turismo de Santiago lanza un concurso nas redes sociais para reforzar a imaxe do destino en temporada baixa

09/12/2013 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, presentou a campaña promocional de inverno de Turismo de Santiago de Compostela, que comeza o martes 10 de decembro. Foi deseñada para reforzar a imaxe do destino, as visitas nacionais en temporada baixa e a visibilidade da cidade nas redes sociais.

Santiago de Compostela, desexo concedido amosa a Santiago de Compostela como a meta do Camiño, a cidade hospitalaria onde os viaxeiros poden alcanzar todo o que imaxinan: excelentes aloxamentos, gastronomía exquisita, beleza monumental, paisaxe preservada, descanso, paz e emocións, como promete a inspiradora foto do skyline da Catedral de fondo.

A campaña componse de anuncios en medios nacionais impresos, diarios online, portais de viaxe e mensaxes en redes sociais dirixidos aos visitantes potenciais de fin de semana e short-break. Está destinada basicamente ao mercado español; pero por viralidade, a través dos seguidores de Facebook e Twitter, pode alcanzar outros países.

20 premios
Os anuncios dirixen á web www.santiagoturismo.com/deseo, onde se propón un concurso: responder á pregunta "Santiago de Compostela, cal é o teu desexo?" e optar por 20 premios en servizos turísticos. A páxina conta cun tutorial que guía o proceso de aceptación das bases, rexistro e subida dos comentarios no muro de Facebook de Turismo de Santiago ou a twitter co hashtag #santiagodeseo, en ambos casos respondendo a esa pregunta dunha forma creativa e simpática.

O concurso desenvolverase entre o 10 e o 19 de decembro. Ao finalizar, un xurado, composto polos técnicos de Turismo de Santiago, escollerá os 10 posts de Facebook e os 10 tweets de Twitter que amosen mellor calidade e enxeño. O veredicto darase o 23 de decembro. Os 20 gañadores recibirán un premio valorado en 300 euros con dúas noites de aloxamento na cidade, cea degustación, cata de viño e tapeo, visitas aos tellados da Catedral e visita guiada en mp3. É un pack turístico da Central de Reservas pensado para fin de semana ou estancias curtas, que os gañadores poden completar mercando máis servizos turísticos, segundo queiran alongar a súa estancia ou vir con outras persoas. Os vales poden consumirse entre o 15 de xaneiro e o 15 de xuño.

A concelleira Reyes Leis afirmou que o concurso e a campaña cumpren cos obxectivos de promocionar a cidade durante a temporada de baixa ocupación, asociar a viaxe a Santiago de Compostela co concepto do desexo cumprido, crear unha experiencia individualizada de colaboración coa cidade, a través da creatividade, o entusiasmo, a empatía e o desexo por coñecer o destino; aumentar o número de fans e seguidores de Turismo de Santiago nas redes sociais e fidelizalos para novas accións en 2014.

"Esta acción distintiva en redes sociais buscará a participación dun público perfectamente segmentado, interesado nas viaxes e na cidade de Santiago de Compostela, que pode ‘viralizar’ a promoción cos efectos do boca a boca. Ademais, a campaña en redes sociais danos capacidade de reacción inmediata ante a resposta do público. Vendemos a cidade pero á vez podemos xerar unha conversación, un intercambio, unha conexión máis permanente. Con esta campaña tan sinxela estamos facendo o que se chama ‘marketing da felicidade’, ofrecendo emocións en experiencias individualizadas e auténticas", indicou.

Área Santiago
A concelleira aproveitou a rolda de prensa para informar da reunión número 15 do grupo de 19 concellos Área Santiago. Na xuntanza fíxose un repaso das accións en marcha, como a creación dunha web, dunha aplicación para móbiles e dun plano con todos os recursos dos municipios do grupo. Todos estes instrumentos están a piques de rematarse e serán presentados en breve.

Tamén se concretou a reunión de alcaldes que terá lugar o 17 de decembro e comezouse a traballar na presenza do grupo na próxima feira Fitur.

Compartir: