ALCALDÍA

Homenaxe a Roberto Nóvoa Santos no 80º aniversario do seu falecemento

09/12/2013 O médico e pensador Roberto Nóvoa Santos (A Coruña, 6 de xullo de 1885 – Santiago de Compostela, 9 de decembro de 1933), foi homenaxeado con motivo do 80º aniversario do seu falecemento. O acto celebrouse ao pé da súa tumba no cemiterio de Boisaca.

O alcalde compostelán, Ángel Currás, presentou o acto e apelou ao "orgullo" que debe sentir unha cidade das "persoas que a habitaron e prestixiaron". De aí a lembranza, tanto en Santiago como na Coruña ou Ferrol, a unha figura á que "se lle debe o ensino máis moderno da patoloxía e capaz de indagar na morte". Expresou a súa confianza en que o recoñecemento a Roberto Nóvoa Santos sirva ás novas xeracións para "estimular novos estudos sobre a súa obra".

Tamén participaron no acto, entre outros, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey; membros da Corporación da Coruña (o alcalde ausentouse por estar no estranxeiro); o decano de Medicina e Odontoloxía da USC, Jesús Gestal; o presidente da Real Academia de Medicina e Ciruxía de Galicia, José Carro, e o reitor da USC, Juan Casares, ademais do ex alcalde Xerardo Estévez ou de ex concelleiros como Luis Pasín ou Francisco Candela.

A cerimonia incluiu a colocación dunha coroa de laurel na súa tumba por parte dos alcaldes compostelán e ferrolán e da concelleira coruñesa Susana Pazos. A continuación, pronunciáronse varios discursos de lembranza a Roberto Nóvoa Santos. Así, Jesús Gestal referiuse ao homenaxeado como "un pensador fondo que modernizou o ensino e a práctica da medicina", mentres que José Carro cualificouno como "unha gloria de Galicia para España e con proxección internacional".

Pola súa parte, Juan Casares falou da súa dedicación á medicina, lembrando a súa estanza en Madrid compartindo traballo con Gregorio Marañón. Ademais, agredeceu ao Concello a celebración da homenaxe, que non se realizara polo 75º aniversario da súa morte.

O acompañamento musical do acto corregu a cargo de Manuel Vilas, quen interpretou á harpa as pezas "Canción alemana" e "Primavera", dos séculos XVII e XVIII, respectivamente.

Roberto Nóvoa Santos foi un médico e pensador que destacou na modernización do ensino e a práctica da Medicina en España nas primeiras décadas do século XX. Está considerado como o especialista de maior relevancia da historia da Medicina en Galicia.

Ingresou na Universidade de Santiago de Compostela en setembro de 1900, onde cursou a licenciatura en Medicina, que obtivo en xuño de 1907. Finalizada a carreira foi axudante do profesor Ramón Varela de la Iglesia na cátedra de Fisioloxía. Posteriormente deixou a institución, instalando a súa consulta privada en Ferrol e, despois, na súa cidade natal, A Coruña. En 1911 reintégrase á Facultade de Medicina da Universidade de Santiago. Completou a súa formación en diversos laboratorios europeos, destacando a súa estanza na Clínica Médica da Universidade de Estrasburgo, na que traballou con Karel Frederik Wenckebach e León Blum.

Nóvoa foi un elemento clave na renovación da Patoloxía Xeral en Galicia e en España, pois o seu Manual de Patoloxía Xeral permitiu que chegase ás aulas universitarias o pensamento fisiopatolóxico ao máis alto nivel científico da época. Despregou unha intensa actividade científica e publicou preto de 300 traballos, manifestando un especial interese pola difusión dos coñecementos médicos, o que concretaba na publicación de numerosos artigos divulgativos e conferencias.

No campo político, identificouse na súa xuventude coa ideoloxía anarquista. Xa no eido institucional, en 1924 foi nomeado deputado polo distrito de Santiago-Padrón na Deputación Provincial da Coruña. Na II República foi deputado representando á Federación Republicana Galega.

Compartir: