XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a actualización dos prezos dos estacionamentos municipais

05/12/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou a actualización dos prezos dos estacionamentos municipais xestionados por TUSSA. Tamén se solicitou a prórroga de ocupación da parcela do aparcadoiro de bordo de Salgueiriños.

Segundo indicou a voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, os prezos increméntanse nun 1%, agás no caso da dársena de autobuses de Xoán XXIII, que permanecen igual. A suba aplicarase ao estacionamentos de Belvís e Xoán XXIII e ao aparcadoiro de bordo de Salgueiriños.

Precisamente en relación ao estacionamento de Salgueiriños, acordouse tramitar ante a Xunta de Galicia a prórroga de ocupación temporal da parcela no que se sitúa ata o 31 de outubro de 2014.

Educación
Na Xunta de Goberno tamén se abordaron dous asuntos relacionados coas escolas infantís de Conxo e de Fontiñas. Por un lado, acordouse desestimar o recurso presentado pola empresa SERMASA contra a adxudicación deste servizo de xestión das dúas garderías á empresa CLECE.‬ Doutra banda, deuse conta do informe emitido polo Departamento de Educación a petición da concelleira, María Castelao, en relación á xestión que CLECE está a realizar nas escolas infantís de Conxo e de Fontiñas.‬

Muller
En materia de Muller e Igualdade, aprobouse a solicitude dunha subvención de 37.500 euros á Deputación Provincial da Coruña para a realización do II Congreso sobre a violencia de xénero. A primeira edición deste encontro celebrouse os pasados 28, 29 e 30 de novembro

Documentos relacionados



Compartir: