FACENDA

As exencións do IBI no casco histórico están claramente establecidas na normativa

05/12/2013 O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nunha sentenza de 2004, aclarou a exención do IBI dos bens do patrimonio histórico artístico, concluíndo que só procede aplicala aos inmobles catalogados como nivel de protección 1 no Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela.

Pola contra, non lles é recoñecible a devandita exención aos edificios que, aínda que situados no ámbito territorial do casco histórico de Santiago de Compostela, o referido Plan Especial non os dota da esixible protección integral, ao dispensarlles unha protección de nivel 2, 3 ou 4.

O Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela clasifica o patrimonio arquitectónico catalogado atendendo á gradación dos seus valores obxectivos e singulares.

En concreto, o patrimonio arquitectónico catalogado como de nivel 1 refírese aos "Edificios monumentais e de valor excepcional, arquitectónico, histórico-artístico e cultural", aos que se aplica este nivel de protección integral como edificacións que presentan unha excepcional calidade arquitectónica e valor histórico, e representan fitos na escena urbana, teñan ou non a consideración de Monumentos declarados.

Deben manterse na súa total integridade, con especial respecto das súas características singulares e dos elementos que o compoñen, procurándose a súa conservación e recuperación por todos os medios da técnica.

En total, son corenta e un os edificios exentos do IBI por estar catalogados como patrimonio arquitectónico de nivel 1.

Compartir: