XUVENTUDE

Xuventude promove dous concertos para grupos emerxentes de Compostela

05/12/2013 A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, presentou dous concertos cos que o seu Departamento quere promocionar o traballo que realizan os grupos emerxentes de Compostela. As actuacións celebraranse o 13 e o 20 de decembro, a partir das 21:00 horas, no Pub Sónar. No primeiro concerto participarán Hellorice e Roberto Sobrado e, no segundo, Horta de Grelos e Crying Wolves.

Rebeca Domínguez, que compareceu en rolda de prensa acompañado de integrantes de tres dos grupos participantes e do responsable do Pub Sónar, Jesús Peón, enmarcou estes concertos na liña da Concellería de Xuventude de face visible o traballo dos grupos novos que ensaian nos Locais de Ensaio Municipais de San Lázaro, uns 45 na actualidade. Mostra disto é tamén a celebración cada ano do Certame MúsicaXove, cuxa edición de 2013 vén de concluír.

Estes concertos para grupos emerxentes da cidade estaban previstos para as Festas do Apóstolo, pero non foron posibles debido ao tráxico accidente ferroviario da noite do 24 de xullo. O escenario das actuacións ao aire libre cambiouse agora por un espazo cuberto como o Pub Sonar, que programa concertos regularmente. A entrada a estes dous concertos é gratuíta.

O concerto do 13 de decembro contará con Hellorice, gañadores do último MúsicaXove. Segundo indicou un dos seus integrantes, Nicolás, os seus temas van na liña do rock progresivo. Acaban de gravar un EP. Compartirán escenario nesta sesión co cantautor Roberto Sobrado.

A actuación do 20 de decembro terá como protagonistas a Crying Wolves e Horta de Grelos. Os primeiros tocan folk-metal, cunhas letras que aluden fundamentalmente á historia e á cultura de Galicia, tal como explicou Brais, o seu batería. Os segundos, nacidos da admiración do seu fundador e cantante, Fernando, por Herdeiros da Crus, apostan polo rock e o punk, con letras "rebeldes e impertinentes".

Compartir: