URBANISMO

O Concello recupera catro estatuas para colocalas en Costa Vella, praza de Galicia, Carme de Abaixo e adro de Santa Susana

05/12/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, informou en rolda de prensa da colocación na cidade de catro estatuas de propiedade municipal ata agora conservadas no claustro do Museo do Pobo Galego, en San Domingos de Bonaval. Limparanse estas esculturas e situaranse en: Costa Vella, praza de Galicia, Carme de Abaixo e adro de Santa Susana.

Unha das estatuas recuperadas, do século XIX, de autoría descoñecida, representa a figura de Concepción Arenal. Instalarase no xardín da Costa Vella, dedicando este espazo á escritora e pioneira do feminismo.

Outra das esculturas está dedicada á figura de Ramón María del Valle-Inclán e foi realizada por Fernando Blanco. Será colocada na praza de Galicia e unha placa lembrará as tardes que no seu último ano de vida en Santiago pasou o escritor no Café Derby.

Tamén de Fernando Blanco é a estatua dunha pastora que se situará nos xardíns do Carme de Abaixo, a carón da igrexa. Finalmente, no adro ao final da costa de Santa Susana, na Alameda, situaranse as esculturas de dous leóns, co escudo da cidade, co obxectivo de simbolizar e indicar á cidadanía o lugar onde se reunía o Concello de Santiago na Idade Media.

Restauración en Bonaval
A concelleira tamén deu conta do inicio das obras de restauración no parque de Bonaval, onde se detectou a caída de varias pedras dos muros situados na zona dos nichos. Reporanse a afianzaranse a pedras nunha intervención que ten un custo de 21.050 euros.

Recuperación de fontes e do cruceiro de Amio
Durante a rolda de prensa, María Pardo anunciou tamén que o Concello vai arranxar varias fontes históricas, que se unirán ás recentemente restauradas polo Consorcio de Santiago e a outras xa recuperadas tamén polo Concello. Son as situadas na rúa de Betanzos (2.112 euros de investimento), na rúa da Trindade (4.556 euros) e na Carreira do Conde (2.178 euros). Ademais, substituiranse os canos da fonte de Cervantes por outros de bronce (593 euros) e colocarase a tapa orixinal na fonte de San Roque (2.117 euros).

Finalmente, apuntou que se vai acometer a restauración do cruceiro de Amio, deteriorado dende hai anos a causa de actos vandálicos. Investiranse 6.274 euros nesta obra.

Documentos relacionados



Compartir: