CULTURA

Curtocircuíto inaugura a súa décima edición

04/12/2013 Curtocircuíto, Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, organizado polo Concello e co-financiado pola Deputación da Coruña, presenta este xoves a súa décima edición ás 20:30 horas na Zona C.

Na presentación proxectarase a curtametraxe Feux, de Thibaut Piotrowski, unha película que emula en branco e negro a ciencia-ficción dos anos 50, cun grupo de nenos que constrúen foguetes para tentar viaxar ao espazo. Ademais, a colectivo República Disco Apocalipso tocará algún dos seus temas mentres se serve un viño galego. A música está acompañada de proxeccións. Este grupo fai unha recuperación e posta en valor de imaxes de arquivo, neste caso, diapositivas que nalgún momento quedaron veladas. Nas súas sesións, as mesturas desas imaxes, de sons e de músicas propoñen unha viaxe a outros lugares, reflexionando sobre a memoria colectiva e integrando, dunha forma creativa, a tradición analóxica e as ferramentas contemporáneas.

Este ano o festival celebrarase en 5 días, tanto por imperativos económicos, como por filosofía. A nova dirección quere facer un traballo de selección que se mova "cara a novas caligrafías", cun "formato compacto" que concentre en Compostela, nuns poucos días, do 9 ao 13 de decembro, unha coidada selección de curtas "afastadas dos parámetros do circuíto comercial". Deste xeito, segundo explica Pela del Álamo, director do festival, "o obxectivo é xerar un núcleo duro para logo crecer de man do público, dos creadores e dos profesionais do sector". Así, as películas a competición serán unhas 40, distribuídas en catro programas.

A sección internacional recolle unha variada selección dos títulos que marcan tendencias a nivel mundial, tanto na ficción coma na animación. Novas promesas conviven con cineastas experimentados, e curtas que chegan avaladas por numerosos premios en festivais internacionais. A sección nacional é unha heteroxénea selección de filmes que lle toman o pulso á idiosincrasia do cinema español, desde a comedia máis vándala, pasando polo drama social, propostas de xénero, e obras que indagan na experimentación formal e narrativa. Moitos dos nomes invitados, como Chema García Ibarra, David Pantaleón ou Sergio Oksman, van na liña apuntada dese "outro cinema español".

Pola súa banda, a ficción máis suxestiva feita en Galicia, cunha riqueza de xéneros e aproximacións que demostran, unha vez máis, que a Comunidade está a vivir unha efervescencia sen antecedentes, tamén terá o seu espazo. Ademais dos últimos traballos de Xoan Escudero ou das Also Sisters na sección galega, outros nomes poboan os demais programas, con propostas tan diversas como ficcións con clara marca autoral (Xacio Baño), paisaxismo de corte romántico, pictórico e experimental (Lois Patiño) ou reescrituras do fantástico (Javi Camino).

Xa por último, a sección Explora está centrada na busca de novas caligrafías fílmicas. Pezas dificilmente catalogables nun xénero, que dilúen a idea tradicional do cinema mediante a exploración de camiños innovadores, próximas ao vídeo-arte, o documental ou o cinema de vangarda. Varios xurados repartirán un total de 12.000 euros en premios, distribuídos entre o catro seccións.

Direccións relacionadas



Compartir: