DEPORTES

II Campus de Nadal Rítmica Compostela

03/12/2013 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o II Campus de Nadal Rítmica Compostela, que se celebrará durante as mañás dos días 23, 24, 26 e 27 de decembro no pavillón de Pontepedriña. O Concello colabora con estas xornadas, organizadas polo Club Deportivo Ximnasia Rítmica Compostela, que pretenden promover a práctica deste deporte na cidade.

O Campus está dirixido a nenos e nenas a partir dos 5 anos de idade, coa excepción daquelas ximnastas de 4 anos que estean actualmente realizando ximnasia rítmica ou acrobática no Club ou fóra del. Celebrarase en horario de 10:00 a 14:00 horas, con servizo de gardería dende as 9:30 ás 14:30 horas.

Segundo explicou a responsable do Campus e directora deportiva do C. D. Ximnasia Rítmica Compostela, María Fernández, todas as adestradoras do campus serán de nivel nacional. Haberá profesoras especialistas en ballet, danza moderna, ximnasia acrobática e aeróbic, ademais dun preparador físico e dunha xuíza para as ximnastas de competición.

Ademais das clases nas diferentes disciplinas, o Campus inclúe obradoiros de deseño de maillots, aprendizaxe de peiteados, maquillaxes de ximnasia rítmica e decoración de aparatos.

Nesta edición do Campus hai 52 prazas dispoñibles. As inscricións debe realizarse a través da dirección de correo electrónico campusritmicacompostela@gmail.com ou do teléfono 647 098 772. Ademais dos datos persoais e de contacto, haberá que indicar o nivel de ximnasia (iniciación, perfeccionamento ou competición).

O Campus ten un prezo de 45 euros para os socios do Club e de 55 euros para os non socios, no que está incluído o seguro de responsabilidade civil e a camiseta conmemorativa do Campus.

Club Deportivo Ximnasia Rítmica Compostela
O Club Deportivo Ximnasia Rítmica Compostela nace en 2011 co obxectivo de difundir o deporte da ximnasia rítmica en Santiago. A entidade realiza as súas actividades no pavillón do Restollal, no Instituto de Sigüeiro (Oroso) e no Squash Santiago, no Milladoiro.

Está orientado a nenos e nenas que queiran iniciarse ou progresar na práctica da ximnasia rítmica, e ten abertas as portas a calquera ximnasta que desexe incorporarse á práctica desta disciplina deportiva.

Direccións relacionadas



Compartir: