OBRAS

En execución as obras de mellora nos barrios de Amio, O Viso e O Romaño

03/12/2013 O concelleiro da Brigada de Vías e Obras e Xestión Ordinaria de Servizos Básicos, Juan de la Fuente, visitou os barrios de Amio, O Viso e O Romaño, onde o Concello está a executar diversas obras de mellora. O investimento nestes tres barrios suma 211.699 euros.

A actuación no Viso, por importe de 76.238 euros, permitirá a este barrio dispor ao fin dunha beirarrúa, paralela ás pistas de pádel de Sar. Ademais, asfaltouse a ribeira da ponte, substituíronse as canalizacións e repúxose firme de lousa en Viso de Arriba.

A parroquia de San Xoán de Afora, no Romaño, ten en marcha obras por 79.793 euros, fundamentalmente de mellora do firme de varias rúas e de limpeza de cunetas. Así, estanse asfaltando a travesa de Vista Alegre, a rúa dos Cabalos, o camiño da Burata e un tramo da pista de Casal da Horta.

En Amio estanse realizando obras de mellora do firme da calzada, limpeza de cunetas e reposición de beirarrúas por importe de 55.667 euros. As actuacións afectan á pista de Pena María a Porto do Medio ás rúas da Mira, da Canteira de Abaixo e da Campiña e á avenida principal de San Lázaro.

Compartir: