CULTURA

Curtocircuíto proxectará preto de 60 curtas na súa décima edición

02/12/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presentou en rolda de prensa, xunto a José Víctor Carou, director-xerente do Auditorio de Galicia, e Pela de Álamo, director de Curtocircuíto, a programación completa do Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela. O certame terá lugar do 9 ao 13 de decembro, con proxeccións no Teatro Principal e na Zona C, e actividades paralelas no CGAC.

Antes do comezo do Festival, farase a presentación oficial o xoves 5, ás 20:30 horas, na Zona C. No acto proxectarase a curta Feux, de Thibaut Piotrowski, e haberá unha sesión do colectivo República Disco Apocalipso. O colectivo RDA fai unha recuperación de diapositivas que nalgún momento quedaron esvaídas. As mesturas desas imaxes, de sons e de músicas propoñen unha viaxe a outros lugares, remexendo na memoria colectiva e integrando, dunha forma creativa, a tradición analóxica e as ferramentas contemporáneas.

Posteriormente, proxectaranse no Teatro Principal e na Zona C, do 9 ao 13 de decembro, ao redor de 60 obras das preto de 2.000 recibidas de 88 países diferentes. O cinema galego cobra protagonismo sen necesidade de cumprir cotas. A alta calidade dos traballos fixo que directores como Oliver Laxe, Xacio Baño, Lois Patiño ou Javi Camino, e outros nomes máis recentes como as Also Sisters, estean presentes en todas as seccións do festival, tanto na internacional, a nacional, como a experimental – denominada Explora – amais de, loxicamente, a galega. O décimo aniversario tamén permite ao festival recuperar os títulos máis salientables destes dez anos de percorrido, así coma convidar ao festival Play-Doc, referencia no terreo do documental, que igualmente cumpre dez anos, a facer o mesmo exercicio. O seu programa recupera nomes fundamentais da non ficción contemporánea coma Marcel Lozinski ou Jay Rosenblatt.

A colaboración con outros festivais e plataformas quere ser unha das marcas de identidade de Curtocircuíto. A plataforma online Márgenes organiza nesta edición un seminario sobre "el otro cine español" a cargo de Luis E. Parés, de Filmoteca Española. Outras charlas que se farán nas mañás no CGAC, todas de balde previa inscrición na web do certame, son a da xornalista María Yáñez sobre cinema e interactividade, e a explicación do proceso creativo de Arraianos que impartirá o realizador Eloy Enciso, centrado no non-guión.

Curtoconcerto
Dentro das actividades paralelas de Curtocircuíto, está o Curtoconcerto, cinco propostas musicais diferentes e orixinais: Víctor Coyote con Programa Doble. O fotógrafo de Soutelo, no que avanza o seu novo disco de cancións populares acompañado de microteatro; música e danza con Dancemacumba; o blues de The Amazing Blues Caravan (con Dixie Town, Thee Blind Crows e Psycothic Acid Freek); a psicodelia de Sensible Soccers; e o indie pop de Delafé y las Flores Azules.

Entradas xa á venda na billeteira do Principal
Curtocircuíto, festival organizado polo Concello de Santiago, co-financiado pola Deputación da Coruña e coa colaboración de diversas entidades, pon este martes en billeteira as entradas para as súas actividades. Para as proxeccións terán un custe de 2 €, tendo a opción de mercar un bono de 5 sesións a 6 €. As actividades da sección paralela, presentación e clausura serán de balde previa retirada na billeteira. O horario de apertura da billeteira será de 18:00 a 21:00 horas do 3 ao 8 de decembro e xa a partir do 9 e ata o día 12 ampliarase e será de 17:00 a 23:30 horas. Nos concertos, ademais, poderán collerse entradas dende unha hora antes do comezo dos mesmos no recinto correspondente.

Direccións relacionadas



Compartir: