SOSTIBILIDADE

Reformas no Estadio Multiúsos de San Lázaro para evitar recargas por reactiva na factura de enerxía eléctrica

30/11/2013 O Concello vai realizar reformas no Estadio de San Lázaro co fin de evitar recargas por reactiva na factura da enerxía eléctrica. Esta actuación enmárcase nas medidas adoptadas polo Goberno municipal para a creación dun espazo urbano intelixente e eficiente.

Un dos cambios realizados nas regulamentacións que afectan ao sector eléctrico foi a modificacións dos abonos e recargas que se realizaban en función do consumo de enerxía reactiva, consumo inherente ás máquinas, transformadores, aos equipos de acendido de lámpadas de descarga, equipos de climatización e, en xeral, a todas as instalacións que poidan dispor de receptores que inclúan algún tipo de motor. A devandita modificación supuxo que, instalacións que anteriormente non tiñan esta recarga (facturas de potencia próxima a 0,9) pasasen a tela, ao se ampliar a recarga a valores superiores, e tamén o que anteriormente se realizaba mediante % agora se efectúe a un prezo fixo de cts.€/KVA reactiva.

Unha das instalacións que se viu afectada por estas recargas foi o Estadio de San Lázaro, que anteriormente non tiña recargas por reactiva e pasou a ter recargas mensuais que oscilan entre os 300-400€/mes, mesmo superiores nalgún mes. A causa principal destas recargas está na proliferación de equipos de aire acondicionado que se instalaron recentemente, caracterizados, entre outras cousas, por teren compresores e ventiladores con factores de potencia moi baixos.

Para compensar estas recargas é necesario instalar condensadores fixos de compensación e baterías automáticas de compensación, cuxa conexión equilibrará o exceso de enerxía reactiva que se consume coa capacitiva que eles mesmos xeran, de xeito que o factor de potencia se aproxime á unidade, co que non se poderían facturar recargas por consumo de enerxía reactiva.

Para estudar as reformas necesarias e as potencias nos condensadores que habería que instalar adxudicouse á empresa Malga S.L a realización das actuacións indicadas. O devandito importe amortizaríase nun prazo inferior aos seis meses (como máximo), tendo enconta as subidas de prezo da enerxía eléctrica que se producen ao longo do tempo.

Aposta por unha cidade intelixente
Unha cidade intelixente é un espazo urbano renovado que fai uso das tecnoloxías. Neste sentido, por acordo do Pleno do Concello, en xaneiro dete ano aprobouse a adhesión do Concello de Santiago de Compostela ao Pacto dos Alcaldes (Covenant of Majors). Trátase do principal movemento europeo no que participan as autoridades locais e rexionais que asumiron o compromiso voluntario de mellorar a eficiencia enerxética e utilizar fontes de enerxía renovable nos seus territorios. Co seu compromiso, os asinantes de Pacto propuxéronse superar o obxectivo da Unión Europea de reducir nun 20% as emisións de CO2 antes de 2020.

Ademais, o Concello de Santiago participa no PLEEC (Plannig for efficient energy cities), programa europeo para a posta en común e aplicación de coñecementos, actuacións e experiencias en materia de eficiencia enerxética, o que tamén implica a realización dunha serie de traballos de análise e sistematización de información enerxética.

Compartir: