NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Xornada de debate sobre as relacións entre a xustiza e a lingua galega

28/11/2013 A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, participou na VII xornada Xustiza e lingua, reflexións para a normalización, organizada polo Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O acto contou tamén coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; do director xeral de Xustiza, Juan J. Martín; e do decano do Colexio de Avogados, Evaristo Nogueira.

Esta xornada contou con dúas mesas, con dous relatorios cada unha delas. Na primeira, Consuelo Castro Rey, avogada do Estado, falou sobre "O galego nos procedementos da Administración xeral do Estado: a lei como freo á normalización". A continuación, Olga Faílde Picallo, avogada do ICA de Santiago e mediadora, disertou sobre "O galego no contexto da mediación".

Tras o coloquio abriuse a segunda mesa de debate. A primeira en intervir foi Lorena Tallón García, maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia nº4 de Santiago, cun relatorio titulado "A comunicación en galego na xustiza: unha cuestión de medios e de actitude". Logo tomou a palabra Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, para falar sobre "Substitución lingüística e indefensión individual: un relato non apócrifo de datas indeterminadas".

Compartir: