SEGURIDADE CIDADÁ

Os controis efectuados a 59 vehículos de transporte escolar deixan un balance de unicamente seis infraccións leves

27/11/2013 Do 4 ao 10 de novembro, a Policía Local efectuou unha campaña de vixilancia e control do transporte escolar dos centros educativos da cidade. Dos 59 vehículos inspeccionados, en só seis se detectou unha infracción leve, por ausencia dunha autorización administrativa especial para transporte escolar outorgada pola Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia.

O concelleiro de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Luis Bello, deu conta destes datos e manifestou a súa satisfacción polos resultados. "Os pais poden estar tranquilos", indicou, resaltando o carácter leve das seis infraccións, por ausencia dunha autorización administrativa que, ademais, na maioría dos casos, xa fora solicitada.

Nesta campaña, ademais da presenza desta autorización especial para transporte escolar, os axentes controlaron o exceso de velocidade; a alcoholemia; a documentación da ITV; o seguro de responsabilidade civil limitada; as portas de servizo e emerxencia e os seus dispositivos de accionamento; a presenza de acompañante (cando procedera); o permiso de condución; o dispositivo luminoso con sinal de emerxencia; o sinal de transporte escolar; a manipulación do tacógrafo ou dos seus elementos; o exceso de tempo de condución ou minoración do descanso superiores ao 50% e o exceso de tempo de condución ou minoración do descanso iguais ou inferiores ao 50%.

Os controis, efectuados a 59 vehículos (55 autobuses e catro microbuses) realizáronse no servizo de transporte escolar de 21 centros educativos: Colexio San Francisco Javier, Colexio San Jorge, CEIP Ramón Cabanillas, IES Arcebispo Xelmírez II, CEIP Monte dos Postes, Colexio Compañía de María, CEIP Apóstolo Santiago, CEIP Raíña Fabiola, Colexio Nosa Señora dos Remedios, CEIP Quiroga Palacios, IES Eduardo Pondal, Colexio La Salle, CEIP López Ferreiro, C.P. Divino Maestro, CEIP Lamas de Abade, IES Lamas de Abade, IES Antonio Fraguas, IES Sar, C. Aspanaes, IES Pontepedriña e CEIP Vite I e II.

Compartir: