TURISMO

Curtocircuíto’06 integra nas súas actividades un concurso de fotografía dixital

13/07/2006 Curtocircuíto’06, o Festival Internacional de Curtas que se celebra en Santiago, integra no seu programa un Concurso de fotografía dixital. O xoves 20 de xullo, data na que comezan as proxeccións de "Curtocircuíto na rúa", ábrese o concurso, que ten fixado o 24 de outubro coma o último de recepción de fotografías. A temática deberá centrarse nas propias actividades do Festival.

As fotografías que se presenten a concurso teñen que ser inéditas, e deberán ser enviadas en formato JPG, cun peso non superior a un megabyte (1Mb). Para participar na convocatoria, cómpre envialas ao correo electrónico curtocircuito@santiagoturismo.com, poñendo en "asunto" a frase "Concurso de fotografía dixital Curtocircuíto 06". No envío, farase constar o nome e apelidos, a idade, o teléfono de localización e a data na que foi tomada a instantánea.

Establecéronse tres premios. O primeiro consistirá nunca cámara de fotos profesional, o segundo na estanza dunha fin de semana nun balneario galego e o terceiro nunha cámara fotográfica orixinal.

A partir da data de recepción das fotografías, a organización da III Edición do Festival Internacional Curtocircuíto’06, iraas colgando na web oficial, na sección denominada "Galería Fotográfica".

Compartir: