TURISMO

A Cidade da Cultura acolle o Viñerón 2013

27/11/2013 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, e o director do Instituto Galego do Viño, Xoan Cannas, presentaron no Pazo de Raxoi, a segunda edición de Viñerón, que terá lugar na Cidade da Cultura o sábado 30 de novembro. Viñerón defínese como unha "quedada" vitivinícola, un novo concepto de feira vitivinícola adaptada ás demandas dos apaixonados do viño, propiciando o encontro directo entre 20 dos mellores viticultores da vangarda creativa europea e afeccionados chegados de toda España e Portugal.

Os vinte viticultores invitados ao Viñerón 2013 foron seleccionados entre os que desenvolven na actualidade un traballo destacado de investigación e innovación en viticultura, variedades de uva, vinificacións, etc. Entre eles haberá representación de Galicia, España, Portugal, Francia e Austria. Algúns deles son: Luis Seabra (Douro, Portugal), Germán R. Blanco (Ribera del Duero), Alberto Martín (Castela e León), Jean Michel Gerin, Gutiérrez Colosía (Jerez), Nicolás Marcos (Cangas del Narcea), Eulogio Pomares (Rías Baixas), Cristiano Van Zeller (Douro, Portugal), Rafael Palacios (Valdeorras), Laurent Combier (Domaine Combier, Crozez – Hermitage, Francia).

Unha das novidades desta edición é a sección "Galicia Emerxente", na que se lle dará espazo aos novos viticultores galegos que, aínda levando poucas colleitas, están chamando moito a atención polo seu gran talento: Manuel Moldes – Finca A Pedreira (Rías Baixas), Jorge Pérez – Merencio (Ribeiro), Alberto Nanclares (Rías Baixas), Xurxo Alba – Albamar (Rías Baixas), Xosé Luis Arístegui (Valdeorras).

Os asistentes poderán gozar do Viñerón 2013 en dous formatos: Feira e Feira+Cocktail. A Feira celebrarase de 15:00 a 21:30 horas na Cidade da Cultura, cunha "Hora freak" para quen queira gozalo con calma entre as 15:00 e as 17:00 horas. Os prezos das entradas de venda anticipada son 15 euros individual e 20 euros dobre; e os de venda en billeteira serán de 20 euros a individual e de 30 a dobre.

O segundo formato é o de Feira+Cocktail. Tras rematar a feira e unha vez pechado o recinto, sobre as 22:30 horas, dará comezo unha cea-cocktail para os viticultores e os asistentes interesados na Cantina da Cidade da Cultura. Nesta cea probarase un viño seleccionado por cada un dos viticultores dun modo relaxado e distendido, ideal para intercambiar cos propios viticultores impresións sobre as súas creacións.

Compartir: