EMPREGO

O Concello e a Asociación de Executivas de Galicia colaborarán en accións formativas para promover o emprego feminino

27/11/2013 A concelleira de Economía e Emprego, Reyes Leis, asistiu a un almorzo informativo da Asociación de Executivas de Galicia. Participaron tamén as concelleiras Amelia González e Rebeca Domínguez. Do encontro saíu o compromiso de colaboración para a posta en marcha de programas de formación para fomentar o emprego feminino.

A Asociación de Executivas de Galicia, de recente creación, presentoulle ás concelleiras os seus obxectivos e actividades, ademais de amosar o seu interese polas iniciativas que en torno ao emprendemento, o emprego e o apoio á muller ten o Concello de Santiago. Neste sentido, executivas e concelleiras coincidiron na necesidade de crear sinerxias en torno a estas materias. De aí saíu o compromiso de colaborar na posta en marcha de programas de formación destinados a fomentar a empregabilidade entre as mulleres compostelás.

Ademais de para falar de emprendemento ou das políticas de apoio á muller promovidas dende o Concello, o encontro serviu para que concelleiras e executivas subscribiran un manifesto contra a violencia de xénero, con motivo da conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller (25 de novembro). O texto subscrito é o seguinte:

"Non queremos deixar pasar esta ocasión sen resaltar que esta semana conmemoramos o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Terrible lacra, problema estrutural e social penosamente arraigado na nosa sociedade.

Resúltanos inconcibible que, en pleno século XXI, máis de 860 mulleres dende o ano 2000 teñan sido vítimas de tal circunstancia. Rebelámonos ante a impotencia, rexeitamos a pasividade.

Cremos no papel activo, na loita continua e persistente. Porque é bo momento para recordar os lemas que manexamos nestes días, porque debemos ser conscientes, facer consciente á sociedade, de que se pode saír. E o primeiro temor ao que deben facer fronte é o recoñecemento, a denuncia, a voz.

Todas e todos estaremos alí, porque entre todas e todos conseguiremos erradicar este problema social de primeira magnitude que nos sacude con demasiada frecuencia.

Queremos sumarnos a todas as institucións, asociacións, agrupacións e entidades na construción dese muro, sólido e infranqueable, contra a violencia de xénero. Porque xuntos, entre todas e todos, sairemos".

Direccións relacionadas



Compartir: