SEGURIDADE CIDADÁ

Presentado o grupo especial da Garda Civil creado para investigar os roubos no ámbito rural da bisbarra compostelá

26/11/2013 Presentouse no Cuartel da Garda Civil do Milladoiro (Ames), por parte do coronel da Garda Civil da Coruña e do capitán do Acuartelamento de Santiago de Compostela, o grupo ROCA, composto inicialmente por un cabo e dous gardas civís, que vixiará e esclarecerá roubos acaecidos nos ámbitos rurais da bisbarra de Santiago. O acto contou coa presenza do subdelegado do Goberno, Jorge Atán; do alcalde de Ames, Santiago Amor; e do concelleiro compostelán de Seguridade Cidadá, Luis Bello.

Esta unidade operativa, que inicialmente terá a súa base no cuartel da Garda Civil do Milladoiro, pasará a desenvolver en breve a súa actividade dende a sede de Santiago, para o que dispoñerá de instalacións con equipos informáticos, un vehículo todoterreo e outro camuflado.

O nome do grupo nace precisamente do delito que perseguen. A ROCA é a nova unidade da Garda Civil encargada de frear a escalada de ROubos no CAmpo.

A aposta do Goberno para atallar o fortísimo agravamento dos roubos no campo a raíz da crise e as graves consecuencias para os propietarios ten unha dobre vertente. Por un lado, unha unidade policial específica e, por outro, agravar as penas no Código Penal, cuxo proxecto aprobou o pasado venres o Consello de Ministros.

Incidirase especialmente na necesidade de extremar a vixilancia dos puntos de venda do material subtraído, como maquinaria en explotacións agrícolas ou cable de cobre da iluminación pública.

Creada hai un mes e medio, esta unidade xa resolveu varios delitos cometidos na bisbarra de Santiago, tales como o roubo da torre eléctrica en Ames, ou o seguimento a unha rede dunha vintena de vehículos con matrícula portuguesa que pasaban o material subtraído da nosa rexión a almacéns de chatarrería no país luso.

Compartir: