CAPITALIDADE

O Consello da Capitalidade aproba unha asignación para Compostela de 2,5 millóns de euros en 2006

12/07/2006 O Consello da Capitalidade aprobou o financiamento da capitalidade para o presente ano, que alcanza os 2.500.000 €. Esta cantidade ascenderá 3 millóns de euros en 2007. Na xuntanza tamén ser realizaron as previsións para o trienio 2007-09 e deuse conta da creación do Xulgado do Mercantil e do Rexistro Mercantil para a demarcación de Santiago de Compostela.

O Consello, presidido polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, como presidente do Consello, e polo alcalde compostelán e vicepresidente do Consello, Xosé A. Sánchez Bugallo, determinou o financiamento para o presente ano en 2,5 millóns de euros e fixou e acordou fixar nos Presupostos Xerais da Xunta para o vindeiro ano a cantidade de 3 millóns de euros. Ademais, a proposta de Sánchez Bugallo, decidiuse realizar unha avaliación do conxunto de elementos que inciden na Capitalidade, como a protección do Casco Histórico, a seguridade, o turismo, ou urbanismo, co obxecto de prever o financiamento para o bienio 2008-2009.

Na reunión tamén se deu conta das xestións realizadas para a creación do Xulgado do Mercantil e do Rexistro Mercantil en Santiago de Compostela. Segundo informou o presidente da Xunta, no presente mes de xullo o Consello de Ministros ditará o decreto polo que se crea o Rexistro Mercantil en Santiago de Compostela, que entrará en funcionamento no vindeiro outono. O alcalde compostelán indicou que este novo rexistro "terá unha demarcación moi ampla, na que se insiren as de Ribeira e Arzúa, polo que terá unha extensión similar á da Cámara de Comercio compostelán".

Respecto da creación do Xulgado do Mercantil, comunicouse que, á volta das vacacións de verán, o Goberno presentará no Parlamento español unha emenda para modificar a Lei Orgánica de demarcación xudicial para posibilitar a súa creación. Segundo Pérez Touriño, no primeiro trimestre de 2007 poderá entrar en funcionamento. Sánchez Bugallo, indicou que "Santiago de Compostela será deste xeito a primeira cidade de España que, sen ser capital de provincia, terá este servizo da xustiza".

Alcalde e Presidente amosaron a súa satisfacción pola colaboración existente entre a Xunta e o Concello. Xosé A. Sánchez Bugallo destacou que "o clima de lealdade e cordialidade que ven sendo tradicional entre ambas administración estivo de manifesto nesta xuntanza, na que quero agradecer especialmente o traballo desenvolvido polos conselleiros de Economía e Presidencia, para levar a bo fin esta colaboración política e institucional".

Na xuntanza do Consello da Capitalidade estiveron presentes, ademais do presidente da Xunta e do alcalde de Santiago, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu; o titular de Economía e Facenda da Xunta, José Ramón Fernández Antonio; a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo; o secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Benito Roberto Fernández; o director xeral de Transportes, José Carlos Baños Márquez; a concelleira da Presidencia e Relacións Institucionais, Teresa García-Sabell; a concelleira de Rehabilitación do Casco Histórico, Mercedes Rosón; o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias; o concelleiro de Cultura, Néstor Rego; o concelleiro de Urbanismo, Luís Toxo; o secretario do Concello, Francisco Javier Castiñeira; e o concelleiro do PP Ricardo García Borregón-Millán.

Compartir: