MULLER E IGUALDADE

A campaña "Conta comigo" incide na necesidade de captar sinais de maltrato en mulleres do noso entorno

25/11/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás; a concelleira de Muller e Igualdade, María Castelao; e os presidentes de Hostalería Compostela, Jesús Sordo e José Manuel Otero, presentaron o material da campaña Conta comigo, organizada polo Concello e que conta coa colaboración do Valedor do Pobo e Hostalería Compostela con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Pouco antes, a edil, acompañada esta vez polo valedor do Pobo, José Julio Fernández, presentara outros materiais da campaña.

O Concello e o Valedor do Pobo porán en circulación centos de postais durante esta semana en puntos pouco habituais a acoller mensaxes en contra do maltrato. Farase chegar o material divulgativo a farmacias, bibliotecas xuvenís, oficinas bancarias, supermercados, mercados, etc. Pola súa parte, Hostalería Compostela distribuirá 25.000 salvamanteis e pousavasos con mensaxes semellantes nos establecementos hostaleiros.

A cotidianeidade destes entornos converxe co obxecto da iniciativa e a súa mensaxe: é necesario captar os sinais de maltrato entre as mulleres que temos máis cerca e prestar a nosa axuda, de aí o lema da iniciativa Conta comigo. Así o resaltou o alcalde, Ángel Currás, quen insistiu na necesidade de "concienciar" á sociedade sobre a lacra da violencia de xénero, unha situación que "viven máis mulleres das que pensamos".

A campaña está deseñada en positivo. Cada un dos personaxes que aparecen nas postais ou nos pousavasos -uns avós, un pai, unha xefa e un fillo de presuntas mulleres vítimas- aparece con xesto amable. Trátase de persoas que se atopan arredor da muller afectada. Para completar a mensaxe inicial da personaxe, hai que xirar a postal e aparece un post it no que os protagonistas deixan mensaxes de axuda como: "Polo teléfono soas esquiva. Ven pasear comigo mañá. O teu pai" ou a dos avós: "Nena, estamos preocupados, pásache algo? Avó e avoa".

Apertura do Centro Integral da Muller
A preguntas dos xornalistas, a concelleira de Muller e Igualdade, María Castelao, aproveitou o acto para lembrar o compromiso da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de abrir en xaneiro o Centro Integral da Muller. Este equipamento habilitouse nun inmoble cedido no seu día polo Concello na carballeira de San Lourenzo.

Compartir: