ALCALDÍA

O alcalde afirma que o comportamento dos veciños de Angrois "perdurará no tempo como unha lección de humanidade"

23/11/2013 A Capela do Hostal dos Reis Católicos acolleu o acto de imposición da Medalla de Ouro da Cidade de Santiago de Compostela ás veciñas e veciños de Angrois. A Corporación quixo así recoñecer publicamente a actuación solidaria destes veciños con motivo do tráxico accidente ferroviario do 24 de xullo.

No acordo plenario, lido no acto, lembrábase que "a nosa cidade sufriu a maior traxedia da súa historia co accidente do tren Alvia o seu paso por Angrois". Ante a mesma, resaltábase que "a rápida actuación das veciñas e veciños foi esencial para que moitas das vítimas puideran salvar a súa vida. Esta mostra de valor e solidariedade merece a máxima distinción e recoñecemento".

Logo da lectura do acordo plenario polo secretario do Concello, e do laudatio realizado polo párroco de Sar, José Porto Buceta, o alcalde entregou a Medalla de Ouro e un pergameo de honra a Anxo Puga, presidente da Asociación de Veciños de Angrois. Xunto a el recolleron a distinción outros catro veciños: Andrés Moure Baluja, José Ramón Gutiérrez Rodríguez, Concepción Álvarez Solar e Pilar Montoiro.

Ángel Currás tomou a palabra tras a intervención de agradecemento de Anxo Puga ao recibir a Medalla. O alcalde apuntou que a concesión desta distinción aos veciños de Angrois "responde a unha inescusable obriga ou a unha natural necesidade moral" de manifestar "a mais sentida gratitude polo seu comportamento, polo seu impulso humano". "O mérito que concorre nestes veciños é flagrante; flagrante como a chama de auxilio que prendeu nas vías do tren no mesmo momento en que, sobre o día máis luminoso e festivo de Galicia, caeu a noite máis lutuosa e máis lúgubre", dixo.

Lembrou aquela noite e a uns veciños que "foron máis aló do civismo para situarse no terreo do altruísmo máis abnegado". Eles, engadiu, "recuperaron, ata a exemplaridade, a tradición solidaria das rutas que se orientan cara a Compostela". A fatalidade daquela xornada foi contestada ou aliviada, segundo o alcalde, por un aluvión de fraternidade, a dunhas veciñas e veciños que, ao descender ás vías e ao rescatar, auxiliar e consolar as vítimas, conxuraron a pantasma da deshumanización do mundo".

"Grazas ao comportamento das mulleres e dos homes de Angrois, Santiago de Compostela converteuse nun lugar de referencia para seguir confiando no mellor da condición humana", indicou o rexedor municipal a propósito dun comportamento que "perdurará no tempo como unha lección de humanidade". Esta parroquia, engadiu, "lembrounos que o verdadeiro valor dunha comunidade non está no que acumula senón no que ofrece".

O alcalde concluíu a súa intervención afirmando que, se ben o accidente ferroviario pasará á historia pola súa magnitude, as futuras xeracións tamén poderán constatar nesas páxinas que "a máis honrosa historia dunha cidade non a escriben só personaxes ou personalidades", senón tamén "as persoas sinxelas, boas e xenerosa, coma os veciños de Angrois".

O acto comezara coa interpretación da peza "Sarabanda", da Suite en Do Maior, de J.S. Bach, a cargo do violonchelista Plamen Velev. Este pechou tamén a cerimonia tocando "Fantasía", sobre temas populares para solo violoncello.

Este cerimonia uniuse ás numerosas homenaxes que estes homes e mulleres de Angrois veñen recibindo nos últimos meses. O último foi a entrega da Placa de Honra da Orde do Mérito Civil á Asociación de Veciños de Angrois, xunto a outras 48 entidades, asociacións, agrupacións e organismos oficiais que participaron nos labores de rescate das vítimas e de atención aos seus familiares no accidente ferroviario do 24 de xullo. A cidade gaditana de San Fernando tamén lles entregou a súa Medalla e, proximamente, os veciños e veciños de Angrois recibirán o recoñecemento da cidade de Córdoba.

Direccións relacionadas



Compartir: