CULTURA

Cantigas e Agarimos recupera as súas gravacións históricas

12/07/2006 "Na Algalia de Arriba" é o título do disco que recupera as gravacións históricas do coro do coro da agrupación Cantigas e Agarimos. Este traballo de restauración, que se presenta en formato de CD Libro, recolle entre outros, a primeira gravación dun tema hoxe convertido en clásico, "A Virxe de Guadalupe. A Rianxeira". A discográfica Ouvirmos encargouse da dixitalización destas pezas, nun proxecto no que colaborou a Concellaría de Cultura.

"Este disco supón un paso moi importante no camiño da popularización e difusión da música tradicional", lembrou o responsable do departamento de Educación, Néstor Rego, a propósito do disco dun coro que cumpre xa 85 anos de vida. Neste aspecto insistiu tamén o director de Ouvirmos, Ramón Piñeiro, quen lembrou o complexo do proceso de "selección, recuperación, dixitalización e difusión" dalgunhas gravacións históricas e doutras extraordinarias recollidas neste traballo".

Sergi Fernández, un dos autores do proxecto, resaltou a importancia que para a realización deste disco ten o traballo dos arquiveiros, que conservaron estas pezas. Ademais, apuntou como, polo seu contacto con xente maior, ten comprobado como esta se lembra do coro, do seu papel na sociedade compostelá e de pezas tan clásicas como a "Foliada de Santiago". Tamén clásico é o mural que ilustra a contraportada do disco, unha estampa de Camilo Díaz Baliño conservada na propia agrupación.

Cantigas e Agarimos nace en Santiago de Compostela en 1921. O compositor Bernardo del Río participou na súa fundación e dirixiu o coro ata 1952, ano no que faleceu despois de gravar os primeiros rexistros do mesmo. Entre eles destaca "A virxe de Guadalupe. A rianxeira", primeira gravación realizada en Galicia do que sería o maior éxito discográfico da música popular galega.

Cantigas e Agarimos vén traballando arreo na recuperación, conservación e transmisión da nosa cultura tradicional, en todas as súas formas: a cantiga, a música, o baile e os traxes populares... A través das súas seccións: coral, gaiteiros, grupo de baile e pandeireteiras (e antigamente grupo teatral), Cantigas e Agarimos non deixou nunca de ocupar postos privilexiados nos eidos do folclore. Así o acreditan os numerosos premios acadados ao longo da súa traxectoria e as referencias dos historiadores.

As pezas recollidas no disco "Na Algalia de Arriba" poderán escoitarse na presentación que acollerá o Teatro Principal o xoves 13 de xullo, ás 20:30 horas.

Compartir: