MEDIO RURAL

Rematado o acondicionamento e mellora de vieiros en Bando, Enfesta e Verdía

22/11/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, visitou Bando, Enfesta e Verdía xunto co concelleiro Luis Meijide. O Concello, con financiamento da Deputación da Coruña, acometeu obras nestas tres parroquias por importe de máis de 217.658 euros.

Unha das obras realizadas foi o acondicionamento e mellora do vieiro de San Marcos, na parroquia de Bando. Actuouse sobre un total de 900 metros, cun investimento final de 67.328 euros.

Tamén se realizaron obras de mellora do firme no vieiro entre a Sionlla de Arriba e o cruce coa estrada N-550, en Enfesta. Gastáronse 53.957 euros nesta intervención, que afectou a un tramo de 700 metros.

A terceira das obras executouse nun tramo de 1.170 metros do vieiro entre Marzo de Abaixo e Quintáns. Na fase primeira deste proxecto de acondicionamento e mellora do firme investíronse 96.373 euros.

Nestas tres obras, xa rematadas, empregouse para o novo firme aglomerado en quente cun espesor de 5 cm.

Os proxectos estaban incluídos no plan DTC-94 da Deputación da Coruña.

Compartir: