CULTURA

Primeiro pase de "L’inconnu du lac" e "Les salauds" na xornada do venres en Cineuropa

21/11/2013 Na xornada do venres 22 chegan a Cineuropa dous dos filmes destacados desta edición: L’inconnu du lac, de Alain Guiraudie, e Les salauds, de Claire Denis. Ademais, como cita destacada da xornada tamén teremos o último pase da premiada La grande bellezza, de Paolo Sorrentino que encabeza neste momento, cun 8,15, o ranking de votación do público do festival.

Na xornada deste venres 22 teremos un total de 11 filmes, entre os que están tamén o pase único de My dog killer e Comizi d’amore (presentado por Javier Rebollo) e novos pases de Stray dogs, La enfermedad del sueño, The broken circle breakdowm (Alabama Monroe) e L’image manquante. Complétase a xornada, coa última oportunidade para ver, ademais de La grande bellezza, La máquina de matar de los jemeres rojos e J.F.K.

A continuación, os comentarios do director do festival, José Luis Losa, dos filmes máis destacados do día:

- JIAOYOU (STRAY DOGS). Tal vez, o acontecemento cinéfilo máis relevante do ano. O regreso de Tsai-Ming-liang ao seu nivel de cineasta esencial. E cunha película ferozmente política, en tempos de desafiuzamentos, de vida de cans. Os seus dous últimos planos-secuencia xa son case lenda, e iso que só hai dous meses do seu nacemento en Venecia.

- MY DOG KILLER. Que Hungría vive sobre unha poeira de populismo xenófobo e neofascista xa o sabiamos. Que mal ten que estar a cousa por alá para que a súa directora lance este directo ao estómago que se fixo co Tigger á mellor película en Locarno. Atención, é pase único.

- LA GRANDE BELLEZZA. En Cannes conquistou até a quen odiaba a Paolo Sorrentino. Hai quen di que é A Dolce Vita deste tempo amargo. O personaxe de Toni Servillo, que actor maxestoso, quédaseche baixo a pel, sempre impertérrito no medio desta orxía perpetua do bunga-bunga, a orquestra que segue soando, ata que o barco da Roma declinante acabe de afundirse.

- L’INCONNU DU LAC. Alain Guiraudie lévanos a un lago onde se practica o cruising, unha zona de ligue rápido entre homosexuais. Pero axusten o cinto porque esta película pega, no seu epicentro, un xiro sorpresa abraiante que leva a historia a un terreo insospeitado, lindante co cinema de terror. De feito, ese golpe de temón prendeu a mecha en Cannes. Gócena, non o dubiden.

- LES SALAUDS. Claire Denis, á que dedicamos unha retrospectiva hai catro anos, volve cunha película que bordea o filme noir desasosegante, cunhas leis de familia de endogámica violencia, coa mirada de Chiara Mastroianni incapaz de deter a espiral.

- THE BROKEN CIRCLE BREAKDOWN (ALABAMA MONROE). Unha das tres películas finalistas aos Premios do Cinema Europeo Lux. Amor e distancia, unha parella que discute até polas súas crenzas relixiosas. E unha fórmula de alquimia que conecta a lume coa fibra sensible.

Direccións relacionadas



Compartir: