CULTURA

The Gift ofrece un concerto dentro dos ciclos Compostela Rock e Cineuropa Concerto

21/11/2013 The Gift, un dos grandes triunfadores do 2012, onde ofreceu un inesquecible concerto nun abarrotado Teatro Principal, regresa a Santiago este venres 22 para repasar os seus grandes éxitos nun concerto especial e festivo na Sala Capitol. O concerto presentárono en rolda de prensa o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou; e Nuno Gonçalves, compositor, produtor e fundador da banda.

Foi en Madrid onde The Gift estiveron a gravar en 2011 o seu novo álbum, Explode. Producido por Ken Nelson (Coldplay, Gomez, Badly Drawn Boy, Kings Of Convenience), é o disco máis eléctrico, maduro e máis pop rock de toda a súa carreira. Durante cinco meses, a banda estivo co produtor nunha casa experimentando, probando e creando as mellores cancións da súa carreira.

A banda viaxou á India para realizar o artwork do disco no Holi Festival, conseguindo imaxes perfectas para explicar ao mundo que a "explosión" era de cor, positivismo, alegría e felicidade.

Explode foi lanzado en Portugal o 18 de marzo e en España o 11 de abril. Saíu directamente ao número un de discos máis vendidos durante tres semanas e estivo durante dous meses no Top 10.

A inicios do 2012, a banda recibe a noticia de que o seu disco Explode está entre os premiados como mellor portada do ano para a prestixiosa galería inglesa Art Vinyl. Por primeira vez, unha banda ibérica está na lista das mellores portadas do ano, sendo isto un estimulo para The Gift, xa que sempre, dende dentro, apostouse fortemente polo Art Work dos seus traballos.

Entradas á venda
As entradas, 12 euros anticipada e 15 euros o día do concerto, poden mercarse en Novagaliciabanco (web e teléfono), en salacapitol.com ou na billeteira do Teatro Principal, aberta este mes de xeito especial de 15:30 a 22:00 horas.

Compartir: