TURISMO

Santiago promociónase como destino de congresos na EIBTM de Barcelona

21/11/2013 Turismo de Santiago, a través do Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), participa estes días na EIBTM de Barcelona, a segunda feira máis importante de Europa do sector de congresos, xornadas e incentivos, despois do IMEX de Frankfurt, que se celebrou entre o 21 e o 23 de maio e no que tamén participou o Convention Bureau.

O Santiago de Compostela Convention Bureau asiste como co-expositor no mostrador de Turgalicia, dentro do stand de Turespaña. Ademais de amosar as posibilidades do destino ao público que acuda ao mostrador, farase un presentación da cidade dirixida aos profesionais que toman as decisións sobre onde se celebran congresos, xornadas, eventos, etc.

O Santiago de Compostela Convention Bureau tamén ten pechada unha axenda de reunións con profesionais, fundamentalmente de España, pero tamén con compradores de países cunha presenza importante na cidade, como Italia, Brasil e Polonia (que é un dos países con maior crecemento no número de peregrinos nos últimos anos), entre os que se atopan grandes touroperadores, corporacións, axencias de incentivo e axencias de viaxes con departamento de congresos e incentivos.

Compartir: