DEPORTES

O Concello reparte 180.000 euros entre 51 entidades deportivas federadas

21/11/2013 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, deu conta da resolución da convocatoria de subvencións ás entidades deportivas federadas do municipio. En total, repartíronse 180.000 euros entre 51 entidades.

Estas subvencións, segundo lembrou o edil, serven para subvencionar gastos diversos, tales como licenzas federativas e de mutualidade, desprazamento ou aloxamento, arbitraxes, material deportivo, lavandería, alugueiro de instalacións, atención médica, inscricións en competicións, seguros de responsabilidade, etc. As axudas finalmente asignadas oscilan entre os 16.000 e os 541 euros, dependendo dos gastos presentados e do numero de licencias federativas. Das solicitudes presentadas, só cinco quedaron excluídas por defectos de forma.

Unha vez concedidas as axudas, iníciase o procedemento para que as entidades deportivas xustifiquen os gastos para os que solicitaron a colaboración municipal. Recibidas as xustificacións, procederase ao pagamento. Neste sentido, Adrián Varela destacou que xa no último exercicio as subvencións foran aboadas a finais de xaneiro, fronte a exercicios anteriores nos que non se pagaban normalmente ata abril.

O concelleiro enmarcou estas axudas no esforzo municipal por potenciar o deporte local de base. Neste sentido, sumou estas subvencións a outras como as outorgadas en base a convenios con entidades deportivas para a súa participación en competicións oficias. Así, na Xunta de Goberno deste mesmo xoves aprobáronse os convenios a subscribir co Club Triatlón Bricosa (10.800 euros) e co Club Arteal Tenis de Mesa (12.600 euros), ambos pola participación nas máximas categorías nacionais da súa modalidade, e coa Sociedade Deportiva Compostela (5.400 euros), pola participación do seu equipo feminino na Segunda División Nacional.

Ademais, lembrou que esta colaboración se estende ao feito de que ningunha entidade federada de Santiago paga polo uso das instalacións deportivas municipais, o que supón para o Concello un gasto de 1,2 millóns de euros anuais.

Compartir: