CULTURA

"The broken circle breakdown (Alabama Monroe)", candidata aos premios Lux, chega a Cineuropa

20/11/2013 Na xornada do xoves 20 poderemos ver en Cineuropa un total de 16 filmes, entre os que destacamos o primeiro pase de The broken circle breakdowm (Alabama Monroe), de Groeningen, nomeada aos premios Lux e dos que falaremos ao remate da súa proxección. Teremos novos pases do filme o venres 22 e o sábado 23. Ademais, tamén veremos por primeira vez L’image manquante, de Panh, e, por vez última, La Jalousie, de Garrel; Les destinées sentimentales, de Assayas, e Seven days in may, de Frankenheimer.

Nesta xornada termos pases únicos de cinco filmes: Palombella Rosa, Mimí mettalurgico ferito nell’onore, Marcia Trionfale, Mar revolto (comentada por Inma Souto) e Furtivos, esta última en recordo a José Luis Borau, Premio Cineuropa 2000. Completan a xornada pases de Stray dogs, La grande bellezza, The unspeakable act e Dreileben 1, 2 e 3,

A continuación van os comentarios do director do festival, José Luis Losa, sobre os filmes máis destacados do día:

- JIAOYOU (STRAY DOGS). Tal vez, o acontecemento cinéfilo máis relevante do ano. O regreso de Tsai-Ming-liang ao seu nivel de cineasta esencial. E cunha película ferozmente política, en tempos de desafiuzamentos, de vida de cans. Os seus dous últimos planos-secuencia xa son case lenda, e iso que só hai dous meses do seu nacemento en Venecia.

- THE BROKEN CIRCLE BREAKDOWN (ALABAMA MONROE). Unha das tres películas finalistas aos Premios do Cinema Europeo Lux. Amor e distancia, unha parella que discute até polas súas crenzas relixiosas. E unha fórmula de alquimia que conecta a lume coa fibra sensible.

- LA GRANDE BELLEZZA. En Cannes conquistou até a quen odiaba a Paolo Sorrentino. Hai quen di que é A Dolce Vita deste tempo amargo. O personaxe de Toni Servillo, que actor maxestoso, quédaseche baixo a pel, sempre impertérrito no medio desta orxía perpetua do bunga-bunga, a orquestra que segue soando, ata que o barco da Roma declinante acabe de afundirse.

-LA JALOUSIE. Unha das xoias da coroa deste 27º Cineuropa. Este Philippe Garrel chega ao noso festival como absoluta primicia en España. Como bo Garrel, os seus personaxes combaten e discuten o amor sen sentido. Xogan á parella aberta, dánanse, un máis que outro, esboróanse, tentan sobrevivir ou, pola contra, quitarse do medio. Puritito Garrel, directo desde Venecia, só para os seus ollos.

-THE UNSPEAKABLE ACT. A protagonista séntese o patiño feo. Só se percibe reconfortada cando está preto do seu irmán. Demasiado preto. Nesa bufarda na que a ela lle gustaría vivir xunto a el para sempre. Dan Sallitt ofrece unha prodixiosa obra de exploración da fraxilidade, dunha profundidade insondable e cunha actriz, Tallie Medel, que posúe a maxia inaprensible dos grandes rostros cinematográficos.

Direccións relacionadas



Compartir: