ALCALDÍA

Autoridades da cidade chinesa de Qu Fu visitan Compostela

04/04/2005 O Alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, xunto ao concelleiro de Turismo, Francisco Candela, recibiu na Casa do Concello a delegación municipal da cidade chinesa de QuFu, que, grazas ao programa comunitario Asia Urbs, será rehabilitada coa colaboración compostelá.

A Casa do Concello acolleu a visita do alcalde da cidade chinesa, Jiang Cheng, os directores das áreas de Urbanismo e Turismo, Liu Hai Tao e Kong Xiang Jin, respectivamente, ao director de Construción, Peng Qing Hong, ao responsábel do servizo de Urbanismo, Guo Jian, a Shao Yong, do Ministerio de Construción e a François Gallaga, representante do concello de Rennes. Os visitantes, xunto ao Alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, puideron comparar o plan de rehabilitación do casco monumental compostelán cos das súas respectivas cidades.

A delegación de QuFu participará en sesións de traballo cos responsábeis municipais de Planeamento, a Oficina Municipal de Rehabilitación e Turismo de Santiago. Tamén manterán reunións coa Universidade de Santiago, que lles ofrecerá unha recepción o luns 4 de abril pola tarde. Completan o programa os percorridos polo casco histórico e os museos, e unha visita á cidade desde unha perspectiva urbanística.

O proxecto Asia Urbs Heritage
QuFu, situada na provincia china de Shandong, ademais de ser o berce de Confucio e meta da peregrinación ao templo deste filósofo, posúe un casco histórico recoñecido pola Unesco como Patrimonio da Humanidade desde 1986. Por este motivo, a preocupación dos expertos céntrase na elaboración dun proxecto que permita o desenvolvemento harmonioso da cidade e a valorización turística do seu patrimonio, en momentos en que se aproxima a celebración dos Xogos Olímpicos de Pekín de 2008.

O proxecto, que incluirá tarefas como a actualización do inventario patrimonial, a elaboración dun plan de conservación do centro histórico e o deseño dun plan de promoción turística. adiantarase entre 2005 e 2007 no marco do programa comunitario Asia Urbs, unha ferramenta comunitaria de cooperación cuxa finalidade é crear vínculos duradeiros entre ambos continentes mediante plans de urbanismo, especialmente en materia de intercambio de coñecementos e boas prácticas.

Compartir: