NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Auditorio acolle unha función do espectáculo infantil de dinamización lingüística "Acuario"

20/11/2013 A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañados pola escritora María Canosa e polo responsable de Edicións Embora (empresa xestora da actividade), Miguel Toval, presentaron o espectáculo de dinamización lingüística Acuario, incluído no programa FalaRedes 2013. Esta proposta chega a Santiago o domingo 24, cunha función de balde ás 12:00 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.

"Acuario combina poesía, teatro e monicreques nunha proposta que quere axudar a espertar na xente máis miúda o afecto pola lingua descubríndolle outros xeitos de achegarse ao mundo dende o galego", explicou o secretario xeral. Así, recalcou a importancia de "achegarlle a lingua aos máis pequenos dun xeito amable e lúdico".

O espectáculo teatral Acuario toma como punto de partida o libro homónimo de María Canosa para trasladar ao público ao fondo dun inmenso acuario cheo de palabras que, como pano de fondo e con música en directo, moito humor e monicreques, lle achega ao público infantil de 5 a 8 anos a riqueza lingüística, biolóxica e gastronómica do litoral galego.

Como todas as actividades de FalaRedes 2013, a entrada en Acuario é balde ata completar a capacidade da sala. Toda a información sobre o programa está dispoñible en www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013 e nas redes sociais.

Documentos relacionados



Compartir: