DEPORTES

O mellor do ciclocross galego reúnese un ano máis na Granxa do Xesto

20/11/2013 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o XII Trofeo de Ciclocross Cidade de Santiago, que se celebrara o domingo 24 de novembro, a partir das 10:30 horas, no entorno da Granxa do Xesto, nas categorías elite, sub-19, master 30, 40 e 50, júnior, cadete, féminas e sénior. Esta é a única proba de categoría nacional nesta modalidade no calendario desta temporada en Galicia. A organización corre a cargo do Club Ciclista Muebles Compostela, coa colaboración do Concello de Santiago e da Federación Galega de Ciclismo.

Adrián Varela animou os composteláns a presenciar esta proba, que sempre soe destacar pola súa espectacularidade, ao que tamén axuda un entorno atractivo como é o da Granxa do Xesto. Enmarcou esta competición no esforzo municipal por programar ciclismo nas súas diferentes modalidades. Este ano, con esta, son 10 as probas ciclistas que acolleu a cidade e, para 2014, están xa previstos novos eventos.

Acompañaron ao concelleiro na presentación da proba o presidente do Club Ciclista Muebles Compostela, Nemesio López; o seu responsable técnico, Guillermo Fernández; e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Manuel Tallón.

Direccións relacionadas



Compartir: