ALCALDÍA

O Rei interésase polo labor de mecenado da Fundación Barrié coa Catedral de Santiago

19/11/2013 O alcalde de Santiago, Ángel Currás, participou na audiencia concedida polo Rei ao Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España con motivo do 20º aniversario da súa constitución. O monarca interesouse especialmente pola recente concesión do Premio Patrimonio á Fundación Barrié, a proposta do propio rexedor compostelán.

Ángel Currás aproveitou tamén a audiencia para agradecer persoalmente ao Rei o labor do Real Padroado que el preside na conservación e rehabilitación da cidade, convidándoo a presidir a vindeira reunión. No encontro, ambos falaron da importancia que este organismo tivo na rehabilitación da Cidade Histórica e do seu papel fundamental en canto á conservación.

Seguindo coas cuestións da conservación e a rehabilitación, o monarca mostrou o seu interese polo premio que a Fundación Barrie recibiu do Grupo de Cidades Patrimonio en recoñecemento, a proposta do alcalde, ao seu mecenado e compromiso pola recuperación e conservación do patrimonio a través do Programa Catedral de Santiago, protagonizado polo proxecto de conservación e restauración do Pórtico da Gloria.

A Fundación Barrié, fundación patrimonial privada que traballa polo desenvolvemento de Galicia nos ámbitos da educación, a acción social, o patrimonio, a cultura e a ciencia, entende o patrimonio como un valor estratéxico para unha comunidade, un valor que pode xerar riqueza, competitividade e emprego, e que é preciso aprender a xestionar para que as xeracións vindeiras poidan gozalo. Este compromiso maniféstase na colaboración coa Catedral de Santiago dende hai catro décadas e á que se destinaron máis de 10 millóns de euros. Ademais da restauración do Pórtico da Gloria, na que envorca os seus esforzos actualmente, a Fundación promoveu diversos proxectos na Catedral, como a reconstrución do Coro do Mestre Mateo ou a posta en valor das réplicas en madeira dos Instrumentos do Pórtico.

Compartir: