CULTURA

Primeiro pase en Cineuropa da premiada "La grande bellezza", de Paolo Sorrentino

19/11/2013 Na xornada do mércores 20 de Cineuropa chega La grande bellezza, de Paolo Sorrentino. O filme, que obtivo grande éxito en Cannes, está nominado nas catro categorías principais, mellor película, dirección, actor e guión, aos premios de Cinema Europeo EFA. Ademais, vén de facerse cos premios a mellor actor e mellor coprodución europea no Festival de Cinema Europeo de Sevilla.

Nesta xornada poderemos ver por última vez Heli, de Escalante; Carne de perro, de Guzzoni; e L’arte di arrangiarsi, de Zampa. Tamén teremos o primeiro pase no festival de The unspeakable act, de Sallitt; Poll, de Kraus; e Dreileben 3: Eine minute dunkel, de Hochhäusler. E haberá pases únicos de tres filmes do ciclo italiano, ademais de La jungla interior, coa presentación e debate co seu director, Juan Barrero; e El futuro, con presentación e debate co director, Luis López Carrasco.

Completan a xornada, ata un total de 17 proxeccións, un pase novo de La Jalousie, de Garrel; La máquina de matar a los jemeres rojos, de Panh; e [emLa enfermedad del sueño, de Köhler. A continuación, os comentarios do director do festival, José Luis Losa, sobre algúns dos filmes destacados da xornada:

- HELI. Amat Escalante gañou o premio á mellor dirección en Cannes por esta visión nihilista dun México presidido pola violencia. A súa fama altisonante vénlle da celebrada secuencia na que uns testículos son incendiados á brasa. Pero iso é a anécdota. Uns segundos chamuscados. O que hai de fondo é un demoledor órdago contra o todo.

- THE UNSPEAKABLE ACT. A protagonista séntese o patiño feo. Só se percibe reconfortada cando está preto do seu irmán. Demasiado preto. Nesa bufarda na que a ela lle gustaría vivir xunto a el para sempre. Dan Sallitt ofrece unha prodixiosa obra de exploración da fraxilidade, dunha profundidade insondable e cunha actriz, Tallie Medel, que posúe a maxia inaprensible dos grandes rostros cinematográficos.

- LA JALOUSIE. Unha das xoias da coroa deste 27º Cineuropa. Este Philippe Garrel chega ao noso festival como absoluta primicia en España. Como bo Garrel, os seus personaxes combaten e discuten o amor sen sentido. Xogan á parella aberta, dánanse, un máis que outro, esboróanse, tentan sobrevivir ou, pola contra, quitarse do medio. Puritito Garrel, directo desde Venecia, só para os seus ollos.

- LA GRANDE BELLEZZA. En Cannes conquistou até a quen odiaba a Paolo Sorrentino. Hai quen di que é A Dolce Vita deste tempo amargo. O personaxe de Toni Servillo, que actor maxestoso, quédaseche baixo a pel, sempre impertérrito no medio desta orxía perpetua do bunga-bunga, a orquestra que segue soando, ata que o barco da Roma declinante acabe de afundirse.

Direccións relacionadas



Compartir: