SEGURIDADE CIDADÁ

A Xunta Local de Seguridade acorda a creación de dúas mesas de coordinación en materia de violencia de xénero

19/11/2013 A Xunta Local de Seguridade reuniuse no Pazo de Raxoi baixo a presidencia do concelleiro de Seguridade Cidadá, Luis Bello, e do subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán. Na xuntanza analizáronse os datos de criminalidade da cidade e acordouse a creación dunha mesa de coordinación policial e doutra interinstitucional en materia de violencia de xénero.

Foi a concelleira de Muller e Igualdade, María Castelao, que participou na xuntanza, a encargada de anunciar a creación desta mesa de coordinación policial e doutra interinstitucional, na que participarán as institucións con competencias en materia de violencia de xénero, tanto policiais como educativas ou sanitarias, entre outras. O obxectivo destes órganos, dixo, é "traballar en prol da protección da muller e impulsar a prevención e a colaboración neste ámbito".

En canto aos datos sobre criminalidade, Jorge Atán salientou que, neste 2013, se produciu un descenso de case o 5% no número de delitos e faltas con respecto ao ano precedente. Tamén se produciron baixadas nos roubos en locais e vivendas, e tamén dos roubos con forza. Referiuse o subdelegado do Goberno á seguridade que segue caracterizando a cidade en termos xerais e, neste sentido, indicou que Santiago no presenta ningunha especificidade con respecto ao tipo de delitos cometidos en relación ao resto da provincia.

A propósito dun tipo de delito concreto, o roubo de cable de cobre, Luis Bello constatou a redución significativa do mesmo. Así, apuntou que de xaneiro a xuño se produciran 17 denuncias, mentres que de xuño ata agora unicamente dúas. Atribuíu esta redución á maior vixilancia policial nos barrios periféricos e no rural, e tamén á substitución do cobre por aluminio, de menor valor para este tipo de delincuentes.

Compartir: