DEPORTES

Entregados os premios aos clubs de fútbol máis deportivos da temporada 2012-2013

18/11/2013 O Club Peña Bodegón Arzúa (2ª Autonómica), o Club La Salle (3ª Autonómica), a A.D.M Peleteiro (Xuvenil) e o Atlético Fátima (Cadete) foron os gañadores dos trofeos á deportividade da temporada 2012/13. O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presidiron en Raxoi a entrega de trofeos.

Estes catro equipos foron os que, ao longo da temporada, recibiron menos tarxetas e amoestacións. Optaban a este recoñecemento só equipos da zona de Santiago nas categorías de 2ª Autonómica 3ª Autonómica, Xuvenil e Cadete. Algúns dos galardoados xa son habituais entre os máis deportivos de cada campaña. Nesta ocasión, o único que repetiu respecto á campaña anterior foi, na categoría xuvenil, o Peleteiro.

Estes premios foron creados na tempada 2000/01 a proposta da Delegación de Fútbol de Santiago e co apoio do Concello. Os representantes dos clubs gañadores reciben unha peza cerámica en recoñecemento á súa deportividade.

A Delegación de Fútbol de Santiago conta cuns 150 clubs, dos que derivan uns 500 equipos. Ao longo de cada temporada xogan preto de 8.000 partidos.

Compartir: