XUVENTUDE

Turbolaser, Hellorice, Persé e Neko e Daso, finalistas do VI Certame MúsicaXove

18/11/2013 A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, presidiu o xurado que se reuniu en Raxoi para elixir os gañadores do VI Certame MúsicaXove. Os catro finalistas son Turbolaser (Santiago), Hellorice (Santiago), Persé (Teo) e Neko e Daso (Poio).

O xurado, previa audición das maquetas presentadas ao Certame, seleccionou de entre os 37 participantes estes catro finalistas, que participarán nun concerto final onde actuarán cun tempo máximo de 12 minutos. Terán que interpretar, como mínimo, os dous temas presentados na maqueta.

Este concerto final desenvolverase o sábado 30 de novembro na Sala Capitol. Rematadas as actuacións, farase pública a decisión do xurado. Nesta velada musical, ademais dos catro finalistas, tocará un grupo convidado.

O elixido como mellor grupo recibirá un premio de 1.800 euros, mentres que o segundo clasificado levará 800 euros. Establécese ademais un premio especial do xurado, dotado con 400 euros. Está prevista a edición dun disco compacto coa participación dos catro finalistas.

O xurado, presidido pola concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, estivo integrado por Gabi Davila, Antonio García Borrazás, Martín Calviño, Jesús Magaña e Paco Gallego.

Compartir: