MULLER E IGUALDADE

Máis de 100 profesionais participarán no I Congreso Nacional de Intervención e Prevención da Violencia de Xénero

18/11/2013 O 25 de novembro celébrase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Con tal motivo, a Concellería Familia, Benestar Social, Muller e Igualdade organiza o I Congreso Nacional de Intervención e Prevención da Violencia de Xénero, que se celebrará os días 28, 29 e 30 de novembro no Hotel Oca Puerta del Camino.

A concelleira de Muller, María Castelao, presentou en rolda de prensa este Congreso, que enmarco una necesidade de "condenar a violencia de xénero en todas as súas manifestacións, de concienciar e sensibilizar contra a violencia machista e de promover a empatía da cidadanía para tomar partido en contra da violencia contra as mulleres". Así, este Congreso proporcionará un lugar de intercambio e reflexión sobre os diferentes enfoques de actuación ante a violencia de xénero, para mellorar a formación entre os diferentes profesionais cara unha eficaz prevención.

Este Congreso ten carácter multidisciplinar e está dirixido especialmente a profesionais que traballan en áreas ás que afectan directamente cuestións relacionadas coa violencia de xénero. Tal foi a demanda por participar, que a Concellería tivo que ampliar de 100 a 130 o número de prazas de asistentes dispoñibles. A admisión de participantes pechouse xa o 14 de novembro e hai lista de agarda.

Ao longo destas tres xornadas abordaranse as cuestións relacionadas coa violencia de xénero dende distintas áreas profesionais, dando resposta ás necesidades que se demandan dende as diferentes disciplinas. Profesionais de diferentes ámbitos ofrecerán relatorios, complementados con dúas mesas redondas: unha sobre a violencia de xénero no ámbito xudicial galego e outra sobre as boas prácticas policiais para combater esta lacra.

Obradoiros
Seguindo con estes obxectivos e no marco do III Plan de Igualdade, a concelleira anunciou a celebración, o 23 de novembro, de dous obradoiros destinados a promover os valores positivos da igualdade entre os nenos e nenas, como principio fundamental da xustiza social. Trátase de fomentar a tolerancia, de promover a corresponsabilidade nas tarefas do fogar, de ampliar o vocabulario dos nenos en prol da igualdade, de fortalecer a complicidade a través do traballo en equipo e de fomentar o pensamento crítico dos menores.

Os obradoiros desenvolveranse de 17:00 a 21:00 horas nos centros comerciais As Cancelas e Área Central. Están dirixidos a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e a participación é de balde. Os rapaces, entre outras actividades, poderán elaborar chaveiros de feltro e móbiles decorativos.

Direccións relacionadas



Compartir: