SOSTIBILIDADE E FESTAS

Novas composicións de árbores de Nadal e alumeado para o Obradoiro e os barrios

18/11/2013 Os concelleiros de Sostibilidade, María Pardo, e de Festas, Francisco Noya, presentaron algunhas das novidades que ofrecerá a ornamentación de Nadal. Este ano, as árbores chegarán a varios barrios composteláns e, tamén como novidade, a tradicional árbore da praza do Obradoiro será substituído por unha composición de sete arbores de diferentes tamaños.

Segundo explicou María Pardo, o Departamento de Parque e Xardíns farase cargo da colocación de 12 composicións, compostas por unha montaña de céspede e tres árbores cada unha, noutros tantos espazos da cidade, a carón dos centros socioculturais ou en puntos especialmente significativos e visibles dos barrios. Estas composicións, de 24 metros cadrados cada unha, situaranse en: praza de Cervantes, Choupana – Santa Marta, Fontiñas, Meixonfrío, Pontepedriña, San Francisco, Conxo, San Lázaro, San Pedro, entorno do Hospital Clínico, Sar e Vite. Todas terán a súa correspondente iluminación, con cargo ao contrato do alumeado de Nadal que adxudicará en breve a Concellería de Festas.

A estas 36 árbores sumaranse outras 7 que se instalarán na praza do Obradoiro, substituíndo á arbore única que se viña colocando nestes anos. Será tamén unha composición con árbores de diferentes alturas, entre os 5 e os 10 metros. Lembrou a concelleira que tanto estas árbores como as dos barrios serán logo levadas ao viveiro municipal para a súa posterior reutilización.

A carón desta instalación, que ocupará 122 metros cadrados, colocarase tamén o tradicional Belén. A ornamentación do Obradoiro completarase coa colocación dunhas guirnaldas na fachada do Pazo de Raxoi e coa iluminación deste edificio, que por segundo ano tamén está incluída no contrato do alumeado de Nadal.

A propósito da iluminación do Nadal, Francisco Noya lembrou que se acenderá o 6 de decembro no Casco Histórico e no Ensanche. Intentarase que para esta data, ou uns días despois, estean tamén acesos os arcos luminosos do rural e as 12 composicións dos barrios.

Compartir: