FAMILIA

O Concello adiantouse á celebración do Día do Neno co espectáculo "Cantajuego" e con actividades para os máis pequenos

16/11/2013 O Concello de Santiago sumouse á celebración do Día Internacional dos Dereitos do Neno, o mércores 20 de novembro, cunha xornada de lecer previa que tivo como punto forte a presenza un ano máis en Santiago do Cantajuego.

A concelleira de Familia e Benestar Social, María Castelao, acudiu ao Palacio de Congresos de San Lázaro para participar nunha xornada chea de actividades para os máis pequenos, que complementou as dúas sesións do espectáculo Cantajuego. Houbo talleres de gobloflexia, reciclaxe, elaboración de pulseiras e chapas, maquillaxe, artesanía, manualidades, contacontos… Tamén estiveron instalados inchables e os rapaces puideron participar nun xogo de busca do tesouro.

O recinto contou igualmente con mesas informativas de asociacións e entidades de iniciativa social relacionadas cos dereitos das nenas e dos nenos.

Pleno infantil
As actividades con motivo do Día do Neno continuarán o mércores 20 de novembro, ás 11:30 horas, cando se celebrará un pleno infantil. O alcalde compostelán, Ángel Currás, acompañará os nenos dos colexios Peleteiro e La Salle nesta sesión especial, na que poderán ler o manifesto sobre os dereitos do neno sobre o que previamente traballarán nas aulas, coa colaboración de Uniceff.

Esta iniciativa está incluída no proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: