MEDIO AMBIENTE

O Concello de Santiago comprométese a reducir o consumo enerxético nos seus edificios

11/07/2006 Fomentar o uso racional da enerxía e a mellora ambiental na cidade é o obxectivo do convenio que subscribiron o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo e o conselleiro de Industria e Comercio e presidente do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Fernando Blanco. Esta iniciativa enmárcase no proxecto europeo EnerinTown, destinado a reducir o consumo de enerxía nos edificios públicos. A Comisión Europea estima o aforro nun 5%, que nalgúns casos pode chegar ata o 15%.

A diminución do consumo posibilítase a través dun sistema de monitorización continua dos consumos de enerxía a través de internet. Posteriormente introdúcense medidas de aforro de baixo custo e establécense uns estándares mínimos que deberán atoparse en todos os novos servizos ou nos edificios.

Mediante o convenio, o Concello e o INEGA comprométense a colaborar na selección de tres instalacións municipais para monitorizar os seus consumos enerxéticos. Logo, o INEGA instalará en cada edificio seleccionado un sistema para rexistrar os consumos de electricidade e de gas natural e envialos ao centro de control.

As accións previstas inclúen a designación dun xestor enerxético municipal, que realizará o seguimento da monitorización dos edificios e identificará as anomalías e as desviacións respecto aos consumos de referencia previamente establecidos. Tamén analizará, xunto co INEGA, a posible implantación de medidas de mellora do consumo. Á vista do informe sobre cada unha das instalacións, poranse en marcha accións de mellora.

O proxecto EnerinTown está financiacio a través do programa Enerxía intelixente para Europa, destinado a apoiar as políticas comunitarias no campo da enerxía. Entre os seus obxectivos está reducir a gran dependencia exterior do abastecemento enerxético e consolidar a competitividade das empresas e das institucións desfavorecidas polos custos enerxéticos. Igualmente, pretende compatibilizar a evolución do consumo enerxético co obxectivos ambientais fixados en Kyoto, mediante un cambio dos hábitos de consumo.

Compartir: