ALCALDÍA

O Grupo de Cidades Patrimonio disporá en 2014 de case 900.000 euros para promoción turística, patrimonio e actividades culturais

16/11/2013 A Asemblea Xeral do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España, máximo órgano de goberno da entidade, aprobou en Salamanca o seu orzamento, que ascenderá a 890.000 euros en 2014 para promoción turística, conservación de patrimonio e actividades culturais. Así o anunciou en rolda de prensa o presidente do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade e alcalde de Toledo, Emiliano García-Page, acompañado do seu homólogo en Salamanca, Alfonso Fernández Mañueco, e da Executiva do Grupo. O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Turismo, Reis Leis, participaron na xuntanza.

As contas cumpren a estabilidade orzamentaria e apróbanse cun aforro acumulado de 1 millón de euros para facer fronte a posibles continxencias. A Asemblea Xeral aprobou tamén o seu Plan Estratéxico 2014-2016, que marcará a folla de ruta para ese período nas distintas áreas de traballo do Grupo, que comprenden a promoción turística, a organización de actividades culturais e educativas, a xestión de programas para conservación do patrimonio e a vertente institucional da entidade, como rede de cidades con problemas e retos comúns.
Por outra parte, acordou tamén constituír unha comisión de traballo para estudar a petición realizada por Úbeda e Baeza para incorporarse ao Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade.

Emiliano García-Page destacou que se logrou a consolidación de Cidade Patrimonio da Humanidade como marca de excelencia. Proba da consolidación é que o Rei recibirá ás Cidades Patrimonio da Humanidade o próximo martes na Zarzuela con motivo do XX aniversario da constitución do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

XXV Aniversario da designación de Salamanca como Cidade Patrimonio
Esta Asemblea Xeral celebrouse en Salamanca con motivo do XXV aniversario da súa declaración como Cidade Patrimonio da Humanidade. Segundo sinalou Alfonso Fernández Mañueco, a cidade de Salamanca conmemora este título concedido o 9 de decembro de 1988 pola UNESCO con 15 iniciativas, como esta Asemblea, intervencións patrimoniais e un programa de accións culturais e divulgativas.

Coincidindo con esta reunión, o alcalde de Salamanca, acompañado dos ex alcaldes Fernando Fernández Trocóniz, Jesús Málaga e Julián Lanzarote, que durante o último cuarto de século traballaron para a recuperación, posta en valor, difusión e promoción do noso patrimonio, descubriu unha inscrición no arco de entrada á Praza Maior dende a rúa Zamora que recorda os 25 anos de Salamanca como Cidade Patrimonio da Humanidade.

Compartir: