ALCALDÍA

O alcalde destaca o papel da enfermería na humanización da medicina

14/11/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu no Auditorio Novagalicia Banco á inauguración das Xornadas Nacionais de Enfermería, que se celebran en Santiago os días 14 e 15 de novembro. O lema do evento, "Camiñando xuntos, compartindo experiencias", quere honrar o Camiño de Santiago, loar a integración dos profesionais dos diferentes niveles asistenciais e propiciar a comunicación das mellores prácticas entre os profesionais das distintas xerencias.

Na súa intervención, o alcalde deu a benvida aos participantes e agradeceulles a súa contribución decisiva a "ofrecernos un sistema sanitario eficaz e humano, sistema sanitario que segue sendo unha referencia no mundo". Lembrando a tradición sanitaria da cidade, que "vén do propio Camiño de Santiago", recoñeceu que "case sempre acabamos aludindo á medicina e poucas veces á enfermería, cando, en realidade, boa parte dos coidados que se ofrecían aos peregrinos eran coidados máis incardinables no ámbito desta que no ámbito daquela". "Hoxe –dixo- sucede o mesmo e as expectativas que se refiren á nosa saúde sempre toman como referencia case única ao colectivo médico, sen caer na conta de que a devandita saúde depende tamén das mulleres e dos homes que integran o colectivo de enfermería e doutras profesións relacionadas".

Ángel Currás faloulle aos presentes gabando "un traballo non sempre ben ponderado, non sempre visible" e animándoos a que "difundan o valor terapéutico das súas funcións asistenciais e a que teñan tamén a debida presenza no ámbito investigador, docente ou xestor". Ademais, salientou que "a humanización da medicina pasa en boa medida por vostedes".

Compartir: